Esta axuda consiste nunha contía de 300 euros con carácter xeral, importe que se eleva a 500 euros para os nacementos en municipio considerados de “Grao III de Reto Demográfico”: Baltar, Beade, Beariz, Os Blancos, O Bolo, Calvos de Randín, Castrelo do Val, Chandrexa de Queixa, Gomesende, Larouco, Lobeira, Manzaneda, Montederramo, Parada de Sil, Pontedeva, Porqueira, San Xoán de Río, A Teixeira, A Veiga, Verea e Vilariño de Conso.
En 2024 amplíase a contía de 500 euros aos nados en municipios de “Grao II de Reto Demográfico”: Arnoia, Avión, Bande, Baños de Molgas, Boborás, A Bola, Carballeda de Avia, Carballeda de Valdeorras, Cartelle, Castrelo de Miño, Castro Caldelas, Cortegada, Cualedro, Entrimo , A Gudiña, Irixo, Laza, Leiro, Lobios, Melón, A Mezquita, Monterrei, Muíños, Padrenda , Petín, Rairiz de Veiga, Ramirás, Riós, Rubiá, San Cristovo de Cea, Sarreaus, Trasmiras, Verea, Viana do Bolo, Vilamartín de Valdeorras, Vilar de Barrio, Vilardevós e Xunqueira de Espadanedo.
O pasado luns 15 de xaneiro pechouse o prazo de solicitudes correspondentes a 2023 e só 4 días despois xestionouse de maneira completa, tramitándose todos os expedientes de solicitude, asinando a resolución da totalidade das mesmas e enviándose as últimas 26 tarxetas co seu saldo para ser utilizado en gastos sociosanitarios en farmacias e parafarmacias da provincia.
En total, 1.147 beneficiáronse das axudas en 2023 -desde 2016 investíronse máis de 3 millóns de euros en axudas directas para 10.085 persoas-. Para acollerse á axuda, as persoas solicitantes tiveron que figurar empadroadas nalgún concello da provincia de Ourense na data de presentar a solicitude e acreditar que esta inscrición foi anterior e ininterrompida desde antes do 1 de xaneiro de 2023.
Precisamente, o presidente provincial, Luis Menor, recibiu á última persoa en realizar a solicitude do ChegOu 2023, unha nai cuxa filla naceu no antepenúltimo día do ano pasado e que realizou a solicitude desde a súa casa o 10 de xaneiro, petición que asinou coa súa voz grazas ao sistema posto en marcha recentemente pola institución. “A execución do programa amosa unha maneira de entender o funcionamento dunha administración pública, marcada pola menor carga administrativa posible e a maior rapidez na resposta ao cidadán, obxectivos que se viron reforzados en 2023 pola posta en funcionamento do sistema de “firma por voz”, para as persoas en exclusión dixital que non teñen facilidade para realizar trámites en contornas de administración electrónica”, explicou Menor.
O Programa ChegOu, o primeiro con “sinatura por voz”
A área de Benestar xestiona unha serie de servizos públicos e programas de axudas cuxos beneficiarios son os cidadáns de toda a provincia, entre eles o Programa ChegOu. A transformación dixital desenvolvida por esta área da administración provincial nos últimos anos levouna a que o 100% dos programas xestiónanse unicamente a través de administración electrónica.
Desde o mes pasado de decembro habilitouse a posibilidade de presentar solicitudes ao Programa ChegOu a través da “administración por voz”. Máis do 25% das solicitudes presentadas desde decembro utilizaron a posibilidade da firma por voz. Así, calquera persoa que non teña ordenador, coñecementos tecnolóxicos ou certificado dixital puido presentar a súa solicitude ante a administración provincial desde o seu teléfono móbil asinando a petición, a través da súa voz, o que se coñece como “sinatura biométrica vocal”. As persoas que non queiran desprazarse pero non teñen certificado dixital puideron chamar ao 988317766 e fixar unha cita para presentar e asinar a súa solicitude desde a súa casa, só cun móbil e a través da súa voz.