A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou o centro de maiores do Pereiro de Aguiar. A Xunta financia a posta en marcha dun programa de envellecemento activo e prevención da dependencia nestas instalacións que estaban sen actividade, ao que destinou 50.000 euros.
A conselleira sinalou que máis de 40 maiores desta localidade poden recibir atención, terapias e programas de aprendizaxe tecnolóxica ou recuperación cognitiva. Deste xeito, apuntou, o Goberno galego aposta por ofrecer servizos de calidade ao carón dos fogares das persoas maiores para que poidan decidir onde e como vivir esta etapa das súas vidas. Este centro facilita que os maiores do Pereiro reciban coidados no seu concello sen necesidade de trasladarse a unha cidade próxima.
Fabiola García lembrou que entre as iniciativas que desenvolve o Executivo autonómico con esta finalidade atópase o programa de Coidados porta a porta, que leva servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria por todos os concellos galegos agás as sete cidades; a teleasistencia, que permite recibir axuda con tan só pulsar un botón; ou o Servizo de Axuda no Fogar, que leva coidados profesionais a máis de 26.000 fogares e ao que se destinarán o vindeiro ano máis de 112 millóns de euros.