Durante 9 días desenvolveranse preto de cincuenta actividades. Música, teatro, actividades infantís, encontros populares e, por suposto, as saídas do boi centrarán, un ano máis, a programación festiva.
A Asociación Cultural Xan de Arzúa aposta un ano máis por potenciar o carácter cultural e histórico da festa con actividades como o trato do boi, a procesión medieval na que participan máis de vinte gremios ou o encontro no Castelo. Arredor de 500 persoas ataviadas cos seus respectivos traxes representan, de xeito divertido, a orixe da Festa do Boi un ano máis.
Os cativos e cativas terán de novo o seu espazo na Festa cunha programación de actividades pensada para que eles e elas, na que serán os/as protagonistas. O martes e mércores a gran maioría de actividades programadas como o Pistaboi, as Saídas Infantís do Boi, os Boicreques ou o concerto de Ce Fantasma farán as delicias das novas xeracións. Ademais a Asociación en colaboración ca concellería de Cultura do Concello de Allariz realizará obradoiros no CEIP Padre Feijóo de Allariz os días previos ao comezo da Festa.
Unha actividade que non podería falta na programación é a Cea Popular do xoves no Campo da Barreira. Nela participan os/as veciños/as de Allariz e as persoas que colaboran ca súa achega, e que fan posible que ano tras ano se celebre en Allariz a Festa do Boi.
Este ano realizaranse doce saídas do boi durante os nove días da edición de 2022. O comezo das saídas será anunciado con 6 bombas de palenque e unha soa avisará da súa fin. Dende a Asociación Cultural Xan de Arzúa recordan a importancia de seguir os consellos escritos no programa, así como nas entradas das rúas ao casco histórico, por onde se desenvolven as saídas.
A música, como é habitual, terá unha importante presenza na Festa contando con grupos de gaiteiros, charangas e orquestra, e os tradicionais Zés Perreiras, entre outros.