Protección Civil incorpora un vehículo cedido por PSA Retail Orense
O Concello agradécelle á empresa ourensá a súa axuda para reforzar os dispositivos de auxilio ás persoas máis vulnerables
O Servizo de Protección Civil do Concello de Ourense conta cun novo vehículo, cedido por PSA Retail Orense, que reforzará o traballo que a diario desenvolven os voluntarios ourensáns para atender as persoas máis vulnerables e afectadas pola pandemia da COVID-19.
O vehículo terá como destino o servizo de recollida de comidas no comedor social, compras e entrega de medicinas ás persoas que están confinadas ou en corentena por casos positivos ou as persoas maiores e vulnerables que non poden saír dos seus domicilios. Tamén se utilizará noutros servizos e dispositivos que desenvolven actualmente Protección Civil en colaboración coas autoridades sanitaria, como é a campaña de vacinación que desenvolve a Xunta de Galicia.
O servizo de Protección Civil ven recibindo unha demanda cada vez maior de solicitudes desde que comezara esta segunda vaga da pandemia, e isto require prestar un maior número de atencións domiciliarios. En coordinación con Asuntos Sociais, organiza a resposta e chega na actualidade a unhas 25-30 familias na cidade.
O servizo municipal agradece tamén a achega doutras empresas como Cafés Las Antillas e Coca Cola, que tamén realizaron valiosas doazóns ao servizo municipal
O vehículo é cedido por 2 meses. O Concello agradece esta cesión por parte de Peugeot. A empresa ourensá xa colaborara con Protección Civil no mes de marzo, cedéndolle dous vehículos para a atención á cidadanía afectada pola crise sanitaria e económica. O Concello agradécelles tamén aos voluntarios de Protección Civil o seu tempo e dedicación ao servizo da cidadanía de Ourense.