Incendios Ourense

A provincia de Ourense sigue ardendo

Seguen activos os lumes de Vilariño de Conso-Sabuguido (2.000 hectáreas), Lobios-Río Caldo (2.000 ha no Parque Natural do Xurés), Cualedro-Montes, Chandrexa de Queixa-Queixa, Manzaneda-Cernado, Manzaneda-Paradela, A Mezquita-Cádavos, Rairiz de Veiga-Sabariz e Montederramo-Gabín.

Óscar Gómez

Ourense |

Incendios na provincia de Ourense | antena 3

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais na provincia de Ourense

ACTIVOS

Vilariño de Conso

O incendio rexistrado ás 2,22 h. do domingo no municipio de Vilariño de Conso, parroquia de Sabuguido, continúa activo e, segundo as últimas estimacións, afecta unhas 2.000 hectáreas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Para o control deste lume lévanse mobilizado 18 axentes, 36 brigadas, 16 motobombas, 4 pas, 16 helicópteros e 9 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Lobios

Dende as 19,40 h. do sábado permanece activo o lume do municipio ourensán de Lobios, parroquia de Río Caldo, que afecta provisionalmente unhas 2.000 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 1 técnico, 28 axentes, 65 brigadas, 40 motobombas, 1 pa, 12 helicópteros e 8 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Cualedro

Este concello ourensán rexistra dous incendios na parroquia de Montes. O meirande dos lumes iniciouse ás 14,48 h. do domingo e, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unhas 1.300 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse ata o momento 1 técnico, 19 axentes, 34 brigadas, 22 motobombas, 5 pas, 8 helicópteros e 4 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

O segundo dos incendios comezou ás 3,04 h. do luns e afecta, segundo as últimas medicións provisionais, unhas 80 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse ata o de agora 5 axentes, 5 brigadas, 7 motobombas e 5 helicópteros.

Chandrexa de Queixa

Está activo desde as 16,07 h. do domingo o lume da parroquia de Queixa, concello ourensán de Chandrexa de Queixa, que afecta provisionalmente unhas 500 hectáreas. Na súa extinción levan traballado ata o de agora 1 técnico, 8 axentes, 21 brigadas, 9 motobombas, 2 pas, 9 helicópteros e 1 avión.

Manzaneda

Activo desde as 5,32 h. do luns o lume do municipio ourensán de Manzaneda, parroquia de Cernado, que afecta provisionalmente unhas 450 hectáreas de superficie. No seu control levan traballado 1 técnico, 5 axentes, 13 brigadas, 4 motobombas, 1 pa, 4 helicópteros e 8 avións.

Tamén permanece activo desde as 2,40 h. do luns outro lume neste municipio, na parroquia de Paradela, ao que se lle uniu un terceiro rexistrado na parroquia de San Martiño, o que evidencia a clara intencionalidade. Entre os dous suman unha superficie provisional dunhas 400 hectáreas. No lugar están traballando 1 técnico, 18 axentes, 37 brigadas, 26 motobombas, 2 pas, 7 helicópteros e 4 avións.

A Mezquita

Activo dende as 12,24 h. do luns o lume procedente de Zamora que, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unhas 450 hectáreas do concello ourensán da Mezquita, parroquia de Cádavos. Para a súa extinción lévanse mobilizado ata o de agora 6 axentes, 18 brigadas, 8 motobombas, 2 pas, 3 helicópteros e 2 avións.

Rairiz de Veiga

Permanece activo o lume rexistrado no municipio ourensán de Rairiz de Veiga, parroquia de Sabariz, tras comezar ás 13,44 h. do domingo. Segundo as últimas estimacións, afecta unhas 300 hectáreas provisionais. Para a súa extinción mobilizáronse 21 axentes, 40 brigadas, 29 motobombas, 2 pas, 1 helicóptero e 9 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Montederramo

Activo dende as 21,20 h. do luns o lume do municipio ourensán de Montederramo, parroquia de Gabín, que rolda as 30 hectáreas provisionais. Para o seu control lévanse mobilizado 13 axentes, 17 brigadas, 11 motobombas, 1 pa, 4 helicópteros e 6 avións.

ESTABILIZADOS

Vilar de Barrio

Segue estabilizado, dende as 19,35 h. do luns, o lume que se iniciou o sábado no concello ourensán de Vilar de Barrio, parroquia de Rebordechau. De acordo coas últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 700 hectáreas. Para o seu

control mobilizáronse polo de agora 13 axentes, 34 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 11 helicópteros e 14 avións.

Vilardevós

Estabilizado dende 22,34 h. do martes o lume do concello ourensán de Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervo. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada provisional é dunhas 350 hectáreas. No seu control participaron ata o momento 24 axentes, 31 brigadas, 22 motobombas, 4 pas e 8 helicópteros.

Muíños

Permanece estabilizado, dende as 21,00 h. do luns, o lume do concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que afecta provisionalmente unhas 11 hectáreas do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Este incendio iniciouse en dous focos diferentes e simultáneos, o que apunta a unha clara intencionalidade. Polo de agora, para o seu control lévanse mobilizado 3 axentes, 10 brigadas, 6 motobombas, 4 helicópteros e 2 avións.

CONTROLADOS

A Gudiña

Controlado dende as 22,07 h. do martes o lume que se rexistrara o sábado no municipio ourensán da Gudiña, parroquia de Pentes. As últimas estimacións provisionais indican que rolda as 150 hectáreas de superficie afectada. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 9 axentes, 19 brigadas, 13 motobombas, 1 pa e 3 helicópteros.

Laza

Controlado dende as 19,03 h. do martes o lume rexistrado o sábado no municipio ourensán de Laza, parroquia de Camba, que afecta arredor de 60 hectáreas, segundo as últimas estimacións provisionais. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 5 axentes, 16 brigadas, 3 motobombas, 3 pas e 4 avións.

Ribas de Sil

Continúa controlado, desde as 22,34 h. do luns, o incendio do municipio lugués de Ribas de Sil, parroquia de Peites. Este lume iniciábase a madrugada anterior en 4 focos simultáneos, o que evidencia tamén a intencionalidade. Segundo as últimas estimacións, afecta unhas 60 hectáreas provisionais. No seu control levan traballado 4 axentes, 29 brigadas, 15 motobombas, 1 pa, 1 helicóptero e 2 avións.

A Pobra de Trives

Segue tamén controlado, dende as 2,01 h. do martes, o lume que se iniciara o luns no concello ourensán da Pobra de Trives, parroquia de Pena Petada, que afecta unhas 50 hectáreas provisionais. No seu control levan traballado ata o momento 2 axentes, 2 brigadas, 2 motobombas e 1 helicóptero.