Empleo

O proxecto EmprendOU da Deputación, proposto como exemplo de “Boas Prácticas” en España

As iniciativas empresarias beneficiarias deste programa foron creadas en 58 municipios da provincia cun importante nivel de despoboamento e dispersión xeográfica, contribuíndo dotalos de servizos que non tiñan ata entón.

Óscar Gómez

Ourense | 25.09.2023 09:41

O proxecto EmprendOU da Deputación, proposto como exemplo de “Boas Prácticas” en España
O proxecto EmprendOU da Deputación, proposto como exemplo de “Boas Prácticas” en España | Faro de Vigo

O Ministerio de Política Territorial e Función Pública vén de invitar á Deputacion de Ourense a presentar o proxecto EmprendOUcomo exemplo de “Boas Prácticas” a nivel español no marco do Fondo Social Europeo, logo avaliar os resultados obtidos pola administración provincial con esta iniciativa: máis de 1 millón de euros en axudas concedidas a 154 proxectos impulsados pola mocidade ourensá en 58 municipios da provincia.

Dirixido a fomentar o emprendemento entre a mocidade nos territorios rurais como resposta ao reto demográfico, o programa converteuse na primeira candidatura aprobada na convocatoria comunitaria e a que máis financiamento europeo recibiu en toda España.

A Deputación de Ourense xa abonou o 100 % dos fondos comprometidos desde 2019 ata 2023, a 154 mozos inscritos no Ficheiro Nacional de Garantía Xuvenil (FNGJ) para que constituíran os seus proxectos empresarias en zonas rurais de alto declive demográfico. Logrouse así o obxectivo de crear un espazo válido para o desenvolvemento económico e persoal da mocidade, logrando afianzar poboación e xerando actividade económica en lugares de reto demográfico.

Estes 154 proxectos empresariais creáronse en 58 municipios da provincia que presentan un importante nivel de despoboamento e dispersión xeográfica, dotándoos incluso de servizos que non existían ata o momento polo que se cubriron necesidades que presentaba a veciñanza desas zonas como poden ser servizos de alimentación ou transporte.

Podían ser beneficiarias do EmprendOU todas as persoas de entre 16 e 30 anos que estiveran dadas de alta como residentes no padrón dalgún dos municipios ourensáns elixibles, é dicir, de menos de 5.000 habitantes. Pola súa parte, a Deputación concedía unha axuda mensual aos mozos emprendores equivalente ao 75 % do Salario Mínimo Interprofesional durante un máximo de 12 meses, cunha contía media de 8.900 euros.

Proxecto con perspectiva de xénero

Outro dos logros acadados con este proxecto foi que máis do 50 % das iniciativas están lideradas por mulleres (79 empresas foron creadas por mulleres e 75 por homes), logrando un empoderamento feminino que tivo efectos demostrativos e carácter revulsivo para outras iniciativas de mulleres. Ademais, todos eles están plenamente integrados no ámbito medioambiental onde se desenvolven, cun impacto positivo en moitos sectores. Neste sentido cabe sinalar a existencia de iniciativas empresariais que recuperaron terreos no ámbito forestal, agrícola, vitivinícola e tamén as que transforman a materia prima de orixe en produtos de alta calidade como aceite ou mel, logrando a identificación do rural coa calidade.

Por outro lado, a maioría das iniciativas apoiadas non pertencen ao ámbito agrícola, xa que grazas ás novas tecnoloxías xurdiron empresas altamente cualificadas, sen renuncias ao rural, que amosan como estas achegan poboación a ámbitos xeográficos que ofrecen unha alta calidade de vida. Así atopamos proxectos relacionados coa creación de contidos gráficos para empresas, arquitectura ou mesmo deseño de moda.