Ourense Provincia

Proxectos de mellora en seis campos de fútbol da provincia

O presidente provincial, Luis Menor, asinou os seis convenios de colaboración cos alcaldes e alcaldesas dos concellos de Arnoia, Amoeiro, Cartelle, Lobios, Trives e Toén.

Óscar Gómez

Ourense |

Proxectos de mellora en seis campos de fútbol da provincia
Proxectos de mellora en seis campos de fútbol da provincia | onda cero

A Deputación de Ourense investirá preto de 2,5 millóns de euros (2.448.949,4€) para cofinanciar proxectos de mellora en seis campos de fútbol da provincia. Así se materializou hoxe no Pazo Provincial coa sinatura dos convenios entre o presidente provincial, Luis Menor e os alcaldes de Arnoia, Rodrigo Aparicio; Toén, Ricardo González; Amoeiro, José Luis González; Cartelle, Jaime Sousa; Lobios, María del Carmen Yáñez; e A Pobra de Trives, Patricia Domínguez.

“Hoxe materializamos un dos compromisos adquiridos con seis municipios da provincia en materia de infraestruturas deportivas, desbloqueando proxectos que son prioritarios para os seus equipos e a súa afección”, dixo Luis Menor trala sinatura. Neste sentido, o presidente provincial puxo en valor o traballo realizado desde a Deputación a prol do deporte ourensán, sobre todo, co deporte base a través de axudas e iniciativas que contribúen a situarnos nun lugar referente para a práctica deportiva”.

Reforma e construción de seis campos de fútbol

As obras no campo de fútbol de Arnoia ascenden a 464.215 euros, dos cales a Deputación achegará 417.793,5 euros e o Concello os 46.421,50 euros restantes. No caso de Amoeiro, trátase da instalación de céspede artificial no campo de fútbol da Penafita que suporá un investimento de 474.447,29 euros, dos cales a Deputación asumirá 427.002,56 euros e o Concello os 47.444,73 euros restantes.

As obras no campo de fútbol de Cartelle teñen un orzamento de 384.390 euros, dos cales a Deputación achegará 345.951 euros e o Concello os 38.439 euros restantes. Para a instalación de céspede artificial no campo de fútbol de Lobios destinarase un orzamento de 398.002,60 euros, dos cales a Deputación achegará 358.202,34 euros e o Concello os 39.800,26 euros restantes.

O novo campo de fútbol municipal de herba artificial de Toén suporá un orzamento de 500.000 euros, dos cales a Deputación achegará 450.000 euros e o Concello os 50.000 euros restantes. E, por último, a reforma do campo de fútbol O Agro en A Pobra de Trives ascende a un orzamento de 500.000 euros, dos cales a Deputación achegará 450.000 euros e o Concello os 50.000 euros restantes.