Ourense Provincia

O Psoe acusa a Alfoso Rueda e o PP de ser uns "trileiros profesionais"

Os socialistas lembran que “falta unha semana para a celebración das eleccións municipais en Castro Caldelas, nas que a campaña electoral foi suspendida, polo que a presenza do autobús do PP, co presidente, Alfonso Rueda, invitando a cañas, é un acto puramente electoralista”.

Óscar Gómez

Ourense | 20.11.2023 08:13

O Psoe acusa a Alfoso Rueda e o PP de ser uns "trileiros profesionais"
O Psoe acusa a Alfoso Rueda e o PP de ser uns "trileiros profesionais" | onda cero

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense destacan que a presenza do autobús de Alfonso Rueda mañá en Castro Caldelas “está totalmente fóra de lugar”, xa que tal e como lembran “falta unha semana para a celebración das eleccións municipais”, despois de que foran anuladas tras romperse a cadea de custodia dos votos por correo. Os e as socialistas argumentan que a presenza da comitiva do PP “é un acto puramente electoralista, co que buscan rascar votos, a pesar de que a xunta electoral decidiu que non se celebrase campaña electoral nestes comicios”.

Os e as socialistas esíxenlle aos populares “xogo limpo” e denuncian que ter ao Partido Popular por Castro Caldelas “invitando a cañas, montando carpas e facendo propaganda é unha mostra máis de que os populares seguen instaurados no caciquismo e clientelismo, co único obxectivo de mercar votos”. Dende o PSOE ourensán lamentan que o PP “non sexa quen de acatar as normas e decisións e que opte por xogos trileiristas, tentando camuflar un acto claramente electoralista como unha simple visita para conversar coa veciñanza”.

“O PP está cada vez máis nervioso e como proba temos os ataques vertidos contra Sara Inés Vega no día de onte, cunha sarta chea de mentiras e manipulacións, que só buscan tapar as vergoñas dos populares e desviar atención”, salientan dende a Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense.

Comisión Executiva Provincial

O PSdeG-PSOE celebrou esta mañá a súa Comisión Executiva Provincial, precisamente en Castro Caldelas, onde aproveitaron a reunión orgánica, exclusivamente con cargos do partido, para facer unha valoración dos primeiros 5 meses de mandato dos gobernos locais da provincia e tamén comezaron a trazas as liñas de traballo de cara as eleccións municipais que se celebrarán o vindeiro ano.

A Executiva Provincial segue coa súa aposta de celebrar as súas comisións polos diferentes municipios da provincia e desta vez os membros da mesma desprazáronse ata Castro Caldelas. No municipio ourensán, os e as socialistas puxeron en valor a labor “encomiable” da actual alcaldesa, Sara Inés Vega, e fixeron fincapé en que Castro Caldelas “é un dos faros do bo facer do municipalismo socialista na provincia, un exemplo claro de que cando se aposta por traballar a prol da veciñanza, os concellos avanzan en lugar de retroceder”.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense aproveitaron tamén para resaltar que o socialismo ourensán “conta con persoas moi competentes, leais e traballadoras e como proba disto temos aos nosos alcaldes e alcaldesas, referentes do municipalismo a nivel nacional, autonómico e provincial”. Os e as socialistas destacaron que a Executiva Provincial “é a viva mostra de que as persoas que a conforman, traballan a diario a prol dos seus veciños e veciñas”.