O PSdeG-PSOE vén de presentar alegacións contra os orzamentos argallados por Manuel Baltar para o ano 2023, por ser os “máis inxustos, discriminatorios e irregulares da historia” da Deputación de Ourense. Nun documento co que buscan unha execución destes fondos públicos “xusta” e “acomodada á legalidade”, reclaman unha distribución equitativa dos cartos ou o cumprimento das normas en materia de xustificación das subvencións ou de plans de investimentos.
Tras detectar “numerosas irregularidades”, algunhas delas “insultantes”, nas alegacións destacan que “as omisións da normativa deben ser emendadas e solventadas canto antes”, a menos que “sexan claramente intencionadas e vulneren deliberadamente o disposto pola lei”. “O PSOE é o único partido que leva loitando todos estes anos porque Ourense teña un reparto xusto, equitativo e transparente dos fondos e nesa liña imos a seguir pelexando”, insisten fronte ao que definen como “unha perversión máis de Baltar”.
Entre os avultados argumentos que as e os socialistas defenden para mellorar as “pésimas contas do PP”, resaltan que o proxecto de orzamentos carece dos plans e programas de investimento e financiamento por catro anos, sendo unha condición indispensable para axustarse á lexislación e, en todo caso, a todos os preceptos expresamente obrigados no Real decreto lexislativo 2/2004.
Tamén cuestionan a asistencia aos concellos. A Lei 7/1985 establece que é competencia das deputacións a asistencia e a cooperación xurídica, económica e técnica aos concellos, especialmente aos de menor capacidade. Para estes efectos deben aprobar un plan provincial, pero “esta situación no se está a producir e, pola contra, en Ourense estamos a sufrir un sistema de redistribución dos recursos irregular e caciquil”, denuncian desde o PSOE antes de sinalar que “non pode haber cidadáns de primeira, segunda e terceira en función do seu lugar de residencia ou da cor do partido de goberno”.
Con esta alegación pretenden que “os fondos provinciais se distribúan entre todas entidades locais con criterios obxectivos, reducindo a discrecionalidade ao mínimo”, xa que “un exceso de discrecionalidade acaba necesariamente en arbitrariedade, un proceder declarado inconstitucional”.
O PSdeG-PSOE tamén alega contra o “uso abusivo, masivo e irregular da concesión directa de subvencións”. Contrariamente á Lei 38/2003, o procedemento empregado “sistemáticamente” por Manuel Baltar é a concesión nominativa, polo que a veciñanza padece que “8 de cada 10 euros están a ser concedidos con subvencións directas a dedo”. Igualmente recordan que se aproban grandes modificacións orzamentarias para incluír novos beneficiarios, co único fin de “non distribuír” estes cartos “mediante procedementos públicos, abertos, transparentes e baixo criterios de competencia democrática”.
«Este carrusel de subvencións a dedo é insólito no panorama español», denuncian desde o Grupo Socialista, polo que piden, unha vez mais, criterios que conteñan “preceptos previos, públicos, razoables e razoados que permitan reconducir a distribución dos fondos atendendo, en todo caso e desde o minuto cero, a criterios xustos e equitativos”.
Neste mesmo ámbito tamén cargan contra unha “total ausencia de transparencia e publicidade”, situación que incumpre a lei. “Unha maior información permitiría eliminar afeccións negativas e facilitaría a complementariedade e coherencia das actuacións administrativas, evitando calquera tipo de superposición ou irregularidade”, aseveran.
As alegacións destapan graves problemas para acadar unha “distribución equitativa dos fondos”. Na Deputación, os ingresos provintes para financiarse do Estado, da comunidade autónoma e das entidades locais constitúen tres de cada catro euros, polo que reclaman que a redistribución deses cartos sexa mediante un “sistema de esencia democrática baseado na razón cordial e na equidade, cuxa meta será atender as necesidades das persoas, respectar as diferentes idiosincrasias e proporcionar recursos que permitan acadar o desenvolvemento global de todos os municipios e non só daqueles agraciados grazas a razóns discrecionais”.
Dende o PSdeG-PSOE recordan ao goberno provincial do PP que, segundo o Ministerio de Facenda, a Deputación de Pontevedra transfire directamente aos concellos un 33,77 % dos fondos públicos que recibe, fronte ao “ínfimo e perverso” 0,03 % que transfire directamente Baltar.