O PSdeG-PSOE de Ourense amosa o seu “total” apoio e respaldo aos produtores, almacenistas, traballadores e empresas do sector da castaña afectadas polas “grandes” perdas que están a sufrir na actual campaña. Os e as socialistas acusan ao Partido Popular de “dar as costas” a un dos sectores de “maior” relevancia na provincia, que é líder en produción de castaña a nivel nacional e que afronta un presente e futuro “incertos” por mor das patoloxías, pragas e déficits hídricos que provocaron unha “precaria” situación dos soutos.
A deputada do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, defendeu esta mañá en sesión plenaria unha proposición non de lei na que instaba á Xunta de Galicia a establecer unha liña de axudas directas o sector do castiñeiro, con fondos propios e a conta do orzamento para o ano 2024. A iniciativa socialista topou co voto en contra do Partido Popular, que optou por fomentar o “despoboamento” e o “abandono” no rural, onde a castaña supón unha “importante” inxección económica para cooperativas e empresas, pero tamén coma complemento ás rendas das familias e pensionistas do rural.
Rodríguez Dacosta argumentou durante a súa intervención que “diante do peso específico da castaña en Ourense e as súas fondas implicacións socioeconómicas, que afectan non só a produtores, senón tamén a almacenistas e empresas de transformación, é preciso que se dispoñan as medidas oportunas para manter as condicións de relevancia de tan singular produto en concellos como Riós, A Mezquita, A Gudiña, O Bolo, Manzaneda, Viana do Bolo ou Vilardevós”.
A parlamentaria socialista por Ourense esgrimiu que ante esta situación, a Xunta de Galicia “debe dar un paso á fronte e pór en marcha medidas para que a castaña siga a ser un importante recurso no interior e na montaña, e que Galicia e Ourense continúen a ter unha posición líder na Eurorexión”. Rodríguez Dacosta tamén subliñou que o máis “urxente” é diagnosticar as razóns da “caída” da produción do presente ano en cada comarca, para chegar “a unha certeza científica que permita saber se o problema radica nunha patoloxía fúnxica, nunha praga, no déficit hídrico, ou nunha combinación de diferentes causas”.
“Precisamos dun plan da castaña que nos permita tomar, a medio e longo prazo, as medidas necesarias para facer fronte aos problemas que afectan a produción no sector”, afirmou Carmen R. Dacosta, antes de sinalar que “o que non queremos son fraudes, como o que levou a cabo a Deputación de Ourense no proxecto castaña, famoso porque disfrazaron a peóns agrarios de científicos, coa complicidade da Xunta”.
Durante o debate, estiveron presentes na tribuna de público, varios produtores e outras persoas afectadas polas perdas no sector da castaña, así como os deputados provinciais socialistas, Diego Fernández e Marina Vaz. Cabe lembrar que o PSdeG-PSOE de Ourense xa impulsou unha iniciativa na Deputación de Ourense neste senso, que contou co respaldo unánime do resto de grupos políticos. Os e as socialistas “láianse” da “dobre” moral do PP, votando a favor na Deputación de Ourense e argumentando que a Xunta “debía dispoñer de axudas”, namentres os deputados populares rexeitan a iniciativa no parlamento galego.