O aspirante á alcaldía de Ourense do PSdeG-PSOE, Paco Rodríguez, presentou parte das medidas no ámbito sanitario do programa electoral para as vindeiras eleccións municipais do 28 de maio. Fíxoo arroupado por outros membros da candidatura; Julio Torrado, voceiro de Sanidade dos socialistas no Parlamento de Galicia; as deputadas Marina Ortega e Carmen Dacosta e o médico e socialista de recoñecida traxectoria Alberto Fidalgo.
Nun encontro organizado co Ilustre Colexio Oficial de Médicos de Ourense, ao que asistiu o vicepresidente da entidade, José Luis Jiménez, o voceiro na Cámara Baixa anunciou que esixirán a construción dos centros de saúde de Mariñamansa e O Vinteún. “O PP e a Xunta prometen moi ben pero cumpren moi mal. Destes dous centros levan falando anos, e nós levamos anos tamén introducindo a enmenda nos orzamentos para que se edifiquen. Non teñen a mínima intención de negociación. Sempre votan en contra”, lembrou Torrado sobre o asunto.
“A Administración autonómica está recibindo fondos do Estado para reformar e mellorar centros de saúde, preto de 40 millóns de euros, que son unha oportunidade para Ourense”, subliñou. Ademais, abordou outra das problemáticas máis urxentes non só para a cidade, senón tamén para a provincia: “Debemos lembrarlle á Xunta que os ictus non teñen horario e que ten que abrirse unha unidade específica no CHUO que funcione as 24 horas, polo tipo de poboación e pola dispersión xeográfica, como xa hai noutras cidades galegas”.
Entre as medidas presentadas para reverter o abandono e precaria situación na que se atopa a cidade, o PSdeG-PSOE propón a recuperación da Concellería de Sanidade –para retomar, afianzar e desenvolver as estratexias contempladas dentro da Rede de Cidades Saudables– e da Oficina Municipal de Información ao Consumidor –para realizar consultas e arranxar trámites–. “É un dereito recoñecido pola lexislación autonómica e estatal que as e os ourensáns accedan a orientación ou asesoramento neste eido”, denunciaron desde o partido sobre un servizo que foi pechado polo Goberno de Jácome hai máis dun ano e medio.
Destacan tamén entre as iniciativas presentadas a dinamización de espazos –como os centros cívicos– para impartir formacións sobre xeitos de coidar e coidarse. Contarase para elo coa participación de pacientes, asociacións, familiares e profesionais do ámbito correspondente. E neste senso, segundo explicaron os socialistas, recibirá especial atención a prevención de ludopatías, do consumo de drogas ou do uso abusivo de xogos online.
Así mesmo, a saúde mental estará no centro das políticas que se implementen no caso de acadar o goberno municipal tralas eleccións do 28 de maio. O deseño dun Protocolo de Prevención e Detección Precoz da Conducta Suicida nos centros educativos, sociosanitarios ou de atención a persoas maiores que dependan da Administración local é outra das ideas estrela.
Dentro das propostas trasladadas hai unha novidosa para a atención das persoas celíacas. “Iniciaremos o programa Rede Ourense sen Glute con campañas de divulgación sobre este tipo de intolerancia e o deseño dun mapa no que aparezan os restaurantes cunha oferta adaptada”, indicou Paco Rodríguez, candidato á alcaldía. Tamén se organizará, xunto coas asociacións do sector, unha ruta gastronómica e cursos de sensibilización –para profesionais da hostalería e cidadanía en xeral– de elaboración de menús e manipulación de alimentos adaptados a persoas con alerxias alimentarias. “Estudaremos, ademais, a posibilidade de ofrecer axudas directas ás familias para adquisición de productos sen glute”, engadiu.
Pola súa banda, o colectivo médico –representado por José Luis Jiménez na xuntanza– expuxo a sua preocupación pola inexistencia actualmente de políticas sanitarias de proximidade e transversais. “A nosa demografía fai que o sanitario e o social vaia da man. Durante un tempo fixéronse plans que esperamos que un goberno socialista poida recuperar. Porque ao final un estilo de vida saudable implica que as persoas se relacionen e teñan una rede social ou que os máis vulnerables non padezan as vagas de calor e frío con maior intensidade, como pode suceder co cambio climático. A medicina non consiste só en recetar fármacos, senón que vai moito máis alá”, explicou.
“Hai que promocionar a visita de coidadores e voluntarios para aquelas persoas maiores que viven soas. Acondicionar as súas casas para que o fagan en boas condicións e asegurarnos de que saen á rúa a pasear e hai momentos de alegría no seu día a día é fundamental”, rematou o facultativo ante o respaldo unánime dos socialistas que asistiron á reunión para escoitar as demandas destes profesionais.