O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, cualificou de “declaración de guerra” a decisión da Xunta de Galicia de apoiar a candidatura da Coruña, en detrimento de Ourense, como sede da futura Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial. “A Xunta de Galicia rompeu as hostilidades coa cidade de Ourense. É realmente unha declaración de guerra administrativa con toda a súa forza entre a cidade de Ourense e a Xunta”, manifestou Pérez Jácome, quen subliñou que “discriminando a Ourense coa futura sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial é un dos actos máis icónicos e con máis significado que demostran que Ourense é a Cenicienta de Galicia e a Xunta está disposta a que o siga sendo”.
O alcalde aprecia unha “discriminación absoluta” á cidade de Ourense e lembra que a filosofía da convocatoria se orientaba cara a cidades “deprimidas economicamente e con despoboamento”, como é o caso de Ourense que, explica, “por desgracia ten todos os puntos” que se demandaban. Porén, a Xunta “decide que debe competir unha das cidades máis beneficiadas da comunidade autónoma, A Coruña, que xa é moi forte en investimentos da Xunta e estatais. Vanlle dar máis e vanlle quitar a Ourense”, conclúe Jácome: “condénannos”.
O alcalde lembra que cando iniciou a súa actividade política en 2001 “foi pola discriminación de Ourense, e agora estamos en 2022 e cobra máis forza que nunca: ou loitamos ou como pobo estamos condenados a morrer.
Psoe e BNG tachan de inxustificable non apostar por Ourense como sede da AESIA
O PSdeG-PSOE tacha de “inxusta e inxustificable” a decisión da Xunta de descartar Ourense e apostar pola Coruña para albergar a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial, e acusa ao executivo presidido por Rueda de “promover o desequilibrio territorial”, en troques do reequilibrio que perseguen as iniciativas de desconcentración e descentralización impulsadas polo Goberno central.
“Estamos a falar de políticas orientadas dende o executivo central para levar as institucións cara a aqueles lugares con problemas demográficos, posto que supoñen a creación de emprego e favorecen o asentamento de poboación en zonas castigadas pola sangría demográfica”, sinalou o secretario provincial e voceiro socialista, Rafa Villarino.
Así as cousas, dende o grupo socialista consideran “inxusta e inxustificable” a decisión de deixar fóra a cidade de Ourense, “a única das candidatas que cumpría absolutamente todos os requisitos esixidos, especialmente aqueles relacionados co despoboamento e a cohesión territorial, aínda que tamén os relativos ao perfil empresarial e investigador”.
“Non entendemos que a Xunta escolla unha das únicas provincias españolas que supera o millón de habitantes cando a descentralización deste e outros organismos pretende loitar contra o despoboamento”, manifestou Villarino.
Neste sentido, as e os socialistas anuncian que emprenderán “todas as accións ao seu alcance” para reverter a “covarde e vergoñenta decisión” do executivo autonómico a respecto da descentralización deste equipamento na comunidade, apostando pola candidatura de Ourense como a máis idónea e axeitada.
Pouco peso e falta de liderado.
Segundo o Portavoz municipal e candidato a alcaldía Luís Seara, “non se entende que sendo Ourense a cidade na que máis medraron os empregos TIC nos últimos anos e cumprindo con todos e cada un dos requisitos esixibles, non sexa a opción da Xunta para ser candidata a albergar o Centro de IA”.
Seara entende que “o Goberno de Rueda terá que dar moitas explicacións sobre que entenden por discriminación positiva e os motivos polos que desde o principio desbotaron posicionarse claramente a favor da nosa candidatura”. Asemade, Seara engade que “unha decisión deste calado non pode quedar únicamente a expensas de criterios técnicos, cómpre posicionarse a nivel político e tomar decisións. Ourense cumpría con todas as esixencias e pese a iso, a Xunta, coñecedora da situación demográfica, económica e social da provincia e da cidade, volve deixarnos de lado”.
Pero para a formación nacionalista, tamén faltou ao longo de todo este tempo un liderado forte que encabezara a candidatura de Ourense e servise de estímulo para o resto da sociedade. Luís Seara incide en que “una candidatura desta embergadura non se defende únicamente cunha declaración institucional, cómpre facer unha forte presión política e pórse á fronte da reivincación”.
“Demóstrase unha vez máis o escaso peso e a falla de liderado político de Ourense tanto a nivel concello, sendo como somos o terceiro do país, como a nivel provincial”. Seara conclúe que “as veciñas e veciños terán que preguntarse para que serven Jácome e Baltar xa que ao longo de todo este tempo foron incapaces de liderar unha resposta social á candidatura”.