Infraestructuras

O Psoe busca o compromiso do Goberno Central para que a AG-31 sexa unha realidade

O voceiro da comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana no Congreso, César Ramos, anuncia que este ano “aprobarase o proxecto técnico para que se poida licitar a nova estación do AVE”

Óscar Gómez

Ourense | 20.04.2022 13:55

O Psoe busca o compromiso do Goberno Central para que a AG-31 sexa unha realidade
O Psoe busca o compromiso do Goberno Central para que a AG-31 sexa unha realidade | onda cero

O PSdeG-PSOE de Ourense acada o compromiso do PSOE no Congreso dos Deputados para impulsar a conexión internacional da AG-31 con Portugal, a través da fronteira da Madalena. Os socialistas presentarán os próximos días unha iniciativa na Cámara Baixa das Cortes Xerais para que se fagan todas as accións “necesarias e oportunas” co obxectivo de “garantir” a conexión internacional cunha vía de alta capacidade que execute o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA).

César Ramos, anunciou esta iniciativa parlamentaria coa finalidade de dar resposta a unha demanda da poboación, empresarios e dos socialistas de Ourense e Portugal. A visita de Ramos serviu tamén para dar a coñecer as prioridades e problemas das infraestruturas na provincia e cales son os obxectivos que o PSOE ten que defender no Congreso en materia de mobilidade co obxectivo de garantir a “igualdade” de oportunidades entre os diferentes territorios. Os socialistas visitaron varias obras que o Goberno está levando a cabo na provincia en materia de estradas e autoestradas e tamén valoraron os “importantes” avances levados a cabo polo executivo que preside Pedro Sánchez en materia ferroviaria e na Alta Velocidade.

En relación coa conexión internacional con Portugal, a través da Madalena, o voceiro da comisión do MITMA no Congreso, César Joaquín Ramos Esteban, manifestou que se o Goberno central “cumpre con esta infraestrutura, a Xunta ten agora que comprometerse e presupostar todas as partidas necesarias para que a AG-31 chegue ata a fronteira portuguesa”. Neste senso, o deputado socialista expresou que “agarda o compromiso da Xunta e que non boten balóns fóra como nos teñen acostumados”, reiterando tamén as palabras da conselleira infraestruturas, Ethel Vázquez, cando afirmou que se o Goberno se comprometía a conexión internacional, a Xunta levaría a cabo a súa parte.

Ramos Esteban tamén defendeu que esta autovía “debería ser libre de peaxe para non caer nun novo desequilibrio territorial como o que existe coa AP-53, na que os cidadáns de Ourense teñen que pagar unha peaxe por culpa da pésima planificación do Partido Popular”. Neste senso, o deputado do PSOE por Extremadura denunciou que “o único responsable de que os ourensáns e as ourensás teñan que pagar peaxes nesta vía é o PP, xa que deu un prazo á concesión da autopista de 75 anos”. “Esta decisión durante o goberno de Aznar fai que haxa cidadáns que se sentan de primeira e outros de segundo e é algo que intentamos cambiar dende o PSOE, para que todos teñan as mesmas oportunidades”, sinalou.

Pola súa banda, o secretario provincial do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, destacou que a conexión da AG-31 con Portugal “é unha infraestrutura prioritaria”, sinalando tamén que “Ourense e o norte de Portugal necesitan unha vía de conexión do século XXI”. O líder dos socialistas ourensáns subliñou que “existe compromiso por parte do Goberno central, por parte dos socialistas ourensáns e tamén por parte do PS portugués e dos distritos do norte de Portugal, polo que xa non pode haber máis escusas por parte da Xunta de Galicia”.

Villarino anunciou tamén que o vindeiro 24 de abril, coincidindo coa primeira xuntanza provincial do socialismo ourensán “Conmemora” na Peroxa, “asinarase un documento por parte dos socialistas portugueses e ourensáns que inclúe unha serie de medidas de sinerxias e colaboracións, entre as que se atopan a conexión entre ambos países, cunha vía de alta capacidade pola fronteira da Madalena”. O voceiro socialista no Concello de Ourense e na Deputación tamén manifestou que “unha vez que temos o compromiso do Estado e que as reclamacións para executar esta conexión, seguen medrando, non pode haber máis trabas, polo que desexamos que se faga realidade un proxecto iniciado polo PSdeG-PSOE durante o mandado de Pérez Touriño”.

Avances na estación do AVE

César Ramos aproveitou a súa visita a Ourense para visitar tamén a estación de ferrocarril de Ourense e coñecer as necesidades desta infraestrutura clave para a cidade, por ser a porta de entrada da alta velocidade a Galicia. Neste senso lembrou que “había un proxecto inicial para a cidade ao que o PP decidiu renunciar en 2013, empezando un novo proxecto” e apuntou que “coa chegada do PSOE ao Goberno, non nos quedou máis remedio que seguir cos trámites para que se levase a cabo o antes posible, logo de 5 anos e medio de parálise dos populares”.

“aprobarase o proxecto técnico para que se poida proceder a licitación da nova estación do AVE"

O voceiro socialista na comisión de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana no Congreso dos Deputados, tamén anunciou que no segundo trimestre do ano “aprobarase o proxecto técnico para que se poida proceder a licitación da nova estación de alta velocidade de Ourense, tras anos de parálise e cun proxecto esencial que o Partido Popular gardou durante anos nun caixón”.

Os socialistas tamén aproveitaron para lembrar que o AVE “puido chegar moito antes a Ourense e Galicia, se durante o goberno de Mariano Rajoy, se houbese apostado por de xeito decidido por esta infraestrutura”. Neste senso, afirman que con Ana Pastor ao fronte de Fomento “houbo unha parálise xeneralizada que provocou que o AVE tardase máis do esperado en ser unha realidade” e subliñan que “a tónica xeral con Ana Pastor era licitar unha obra e paralizala unha media de 4 anos, polo que botamos en falta autocrítica pola mala xestión da máxima responsable do PP no seu momento nesta infraestrutura clave para a provincia”.