O PSdeG-PSOE de Ourense fai balance da programación de Nadal do Concello e cifra "por riba do millón de euros” os gastos de Jácome nunhas festas “con máis sombras ca luces”, nas que o grupo socialista lamenta particularmente o uso “innecesario, cruel e arcaico” de dromedarios e renos, e que “pasarán á historia pola escandalosa elección dunha persoa condenada por abuso sexual para representar ao rei Baltasar”.
“Dende logo non foron as mellores festas da historia como di o alcalde, pero é altamente probable que fosen unhas das máis caras”, manifestan facendo referencia ao custe da montaxe e instalación da iluminación de Nadal, que este ano alcanzou os 600.000 euros “polo empeño do alcalde en instalar unhas pesadas estruturas lumínicas na rúa do Paseo cun estilo decorativo máis propio das feiras andaluzas ca do Nadal ourensán, esquecéndose dos barrios periferia e concentrando a meirande parte da actividade nunhas poucas rúas do centro urbano”.
“Tampouco podemos esquecer os danos que provocou esta macroinstalación nas escasas árbores da vía peonil máis transitada de Ourense e os estragos no patrimonio arquitectónico da cidade, co xa famoso ‘taladrazo’, así como a colocación da árbore de Nadal sobre a fonte de Oseira, en Bispo Cesáreo, sen contar cos informes favorables da oficina do PERI ou da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta”, cuestión que as deputadas e deputados socialistas xa elevaron ao Parlamento de Galicia.
Ademais, as e os socialistas da cidade sinalan que a esta cifra cómpre sumarlle os 80.000 euros en contratos menores “a dedo”, os 18.000 do mercado no Parque de San Lázaro –organizado de costas ao comercio local–, os máis de 90.000 no concerto de Omar Montes –do que só se venderon a metade das entradas– ou os 36.000 destinados aos espectáculos con dromedarios e renos na cabalgata de Reis.
Sobre esta última cuestión, dende o grupo socialista reiteran a súa condena ao “inxustificable uso de animais exóticos” na procesión do 6 de xaneiro, unha cuestión que “fixo que foramos noticia a nivel internacional, aparecendo esta cidade en recoñecidas cabeceiras de prensa como Le Figaro ou The Irish Times como exemplo do camiño oposto ao que está promocionando o Goberno de España e a maioría dos países da nosa contorna, en consonancia cos valores de benestar animal e a evolución cara a alternativas éticas de ocio á alza en toda Europa”.
“Podemos seguir sumando o desorbitado gasto de 92.000 euros na carpa da Praza Maior, que ‘okupa’ de xeito case permanente un espazo senlleiro da nosa cidade por decisión unilateral do alcalde, ou o cátering de Aninovo no Auditorio Municipal para os asistentes ao Ballet de Kiev, así como os aproximadamente 15.000 euros na compra de varios acivros cuxo destino despois destas festas con moita probabilidade será o contedor do lixo”, censuran.
A estes elevados gastos, cómpre sumar outras partidas, coma a do poboado de Nadal da praza Bispo Cesáreo (18.000 euros), o carrusel da Ponte Romana (18.000 euros), o parque das Aventuras e o tren do Xardín do Posío (36.000 euros) ou a neve artificial na Praza Maior (18.000 euros), ademais da factura en seguridade.
“Dende o grupo socialista xa estamos a indagar estes gastos de xeito exhaustivo e vimos de solicitar a contabilidade pormenorizada e desagregada dos custos da campaña de Nadal de Jácome, para comprobar ata que punto se fixo un uso racional, transparente e axeitado dos fondos públicos do Concello”, conclúen.