Moción Censura

O Psoe convida as forzas políticas a rematar con 35 anos de Baltarismo

Os socialistas lamentan que o Partido Popular revenda a cidade de Ourense, usándoa como “moeda de cambio” para manter a Manuel Baltar na cadeira da institución provincial

Óscar Gómez

Ourense | 11.02.2021 08:05

O Psoe impulsa apostar por acoller a axencia de supervision da intelixencia artificial. Foto de archivo
O Psoe impulsa apostar por acoller a axencia de supervision da intelixencia artificial. Foto de archivo | Psoe Ourense

O PSdeG-PSOE de Ourense convida a todas as forzas políticas a que se pronuncien “con claridade” a respecto da moción de censura na Deputación de Ourense e anímaas a pór fin a “35 anos da saga Baltar”. Os socialistas amósanse “esperanzados” despois dun longo proceso de conversacións, no que todos os partidos políticos amosaron a súa desconformidade a respecto de que Manuel Baltar siga presidindo a Deputación de Ourense.

Aseguran que “Baltar está nunha situación de extrema debilidade”, o cal explica a entrada de Flora Moure na Xunta de Goberno do Concello, despois da “chamada de socorro” de Jácome a todos os grupos da oposición. “Este movemento por parte do PP é a proba palpable do medo que leva ao presidente da Deputación esgotar todas as vías ao seu alcance para frear o irremediable” manifestan desde o grupo socialista.

Así as cousas, lamentan que o Partido Popular “revenda” a cidade de Ourense, usándoa como "moeda de cambio” para manter a Manuel Baltar na cadeira provincial. “Venderon a cidade co pacto da vergoña e volven facelo agora coa entrada de Moure na Xunta de Goberno”, polo que animan ao resto de forzas políticas a colaborar “para que a democracia penetre nesta provincia”.

Neste sentido, os socialistas deixan claro que “non valen titubeos nin decisións ambiguas” e reclámalle a Ciudadanos “que abandone a súa pasividade”, que dea un paso á fronte e que facilite que se produza “un cambio histórico” para Ourense. “A Deputación pende dun fío, e nestas circunstancias, non hai cabida para a indecisión. De ningún xeito podemos seguir adiando esta situación durante máis tempo”, conclúen.