Concello de ourense

O Psoe critica o "desinterese" do goberno municipal por iniciar a tramitación do PEPOU

Destacan que trala reunión “queda claro que o Plan Especial non vai estar aprobado inicialmente antes do 31 de decembro”, situación similar que acontecerá coa licitación da nova cartografía.

Óscar Gómez

Ourense | 17.11.2021 12:34

Casa do concello de Ourense
Casa do concello de Ourense | onda cero

Dende o Grupo Municipal Socialista destacan que trala reunión “queda claro” que o Plan Especial non vai estar “nin tan sequera” aprobado inicialmente antes do 31 de decembro deste ano, debido a que en “ningún momento se atenderon, por parte do goberno de PP e DO, as demandas de reforzo de persoal para a oficina do PERI. Así mesmo, os socialistas salientan que a cartografía, “cuxa contratación é imprescindible para esa aprobación”, tampouco vai estar licitada antes de fin de ano. Unha situación que dende o PSdeG-PSOE de Ourense deixa en evidencia que “vai ser imposible licitar a nova cartografía ata o primeiro trimestre de 2022, co que isto supón en canto á demora dos prazos de tramitación do PEPOU”.

Os socialistas aproveitaron a reunión para reiterar unha vez máis que a oficina de rehabilitación, VPP e PERIs “debe manterse na súa sede actual”, sita na rúa Primavera, e que non sexa trasladada á concellería de Urbanismo, tal e como ten previsto o alcalde, a pesar da postura en contra da concelleira do PP, Sonia Ogando, que na anterior xuntanza se comprometera a “facer todo o posible para que non houbese traslado”.

No relativo a solicitudes de información, os socialistas preguntaron ao equipo de goberno pola situación do actual Plan Rexurbe da Xunta de Galicia que segundo manifestou o goberno municipal “vai con retraso”. Tamén aproveitaron para solicitar información acerca de que documentación está en mans do Concello de Ourense e que pasos teñen pensado dar dende o goberno municipal de cara a futura tramitación urbanística do proxecto de balneario presentado pola Deputación de Ourense. “A resposta foi que non existe expediente e que polo tanto para calquera actuación nese senso, vai esixirse unha modificación do plan especial”.

O PSdeG-PSOE de Ourense tamén aproveitou a reunión para esixir que “conste en acta e se dea traslado do acordo da moción aprobada no pleno de maio de 2018, sobre a promoción e posta en valor do Campo de Aragón como lugar de Memoria Histórica”. Isto último veu motivado polo comunicado ao servizo de Rehabilitación, Vivenda e PERIs, para a súa supervisión e seguimento, a autorización aprobada en xunta de goberno local a semana pasada para o proxecto de sinalización do Campo de Aragón, por parte do Ministerio de Cultura e Deporte do Goberno de España.

Os socialistas amosaron o seu apoio aos dous puntos da orde do día nos que se incluían a contratación da empresa para a redacción do catálogo – inventario arbóreo e a presentación da proposta de traballo FEUGA para un estudo demográfico de ocupación do parque residencial edificado de actividades económicas. O Grupo Municipal Socialista aproveitou para resaltar que “por fin se proceda á contratación da redacción do catálogo arbóreo, que consideramos imprescindible de cara ao futuro desenvolvemento do PEPOU”. No caso do estudo demográfico “compartimos a súa necesidade de cara á previsión de desenvolvemento urbano da cidade coma de cara tamén á xestión do Plan Rexurbe”.