O Psoe defende a recuperación da atención primaria presencial
Dende o Grupo Provincial Socialista acusan ao Partido Popular de “levar a cabo unha brutal política de recortes que provocou que Galicia afronte a pandemia cun grave problema de persoal sanitario”
O PSdeG-PSOE de Ourense defenderá no pleno deste vindeiro venres na Deputación de Ourense unha moción sobre a situación da sanidade pública en Galicia. Os socialistas pediranlle o resto de grupos políticos o seu apoio para instar á Xunta de Galicia a iniciar a recuperación da atención primaria presencial para poder ofrecer “a mellor calidade asistencial posible” e abrir un proceso de recuperación dos profesionais perdidos nos últimos anos, con especial atención á atención primaria, “garantindo a cobertura e substitución” dos profesionais dos centros de saúde para “non afastar” a asistencia sanitaria da cidadanía.
Dende o Grupo Provincial Socialista argumentan que “é preciso” recuperar toda a atención presencial posible, porque “non é substituíble” pola atención telefónica. “Os anuncios do goberno da Xunta de Galicia, nomeadamente por parte de Núñez Feijóo, de que a atención sanitaria debe tender a ser telemática causan moita incerteza entre os profesionais da medicina e a poboación”, sinalan dende o PSdeG-PSOE de Ourense na Deputación e acusan ao Partido Popular de “levar a cabo unha brutal política de recortes que provocou que Galicia afronte a pandemia cun grave problema de persoal no sistema sanitario público”.
Galicia é a día de hoxe, a terceira peor comunidade autónoma do país en cociente de médicos por habitante. Aproximadamente 450 por cada 100.000 habitantes coa media española ó redor de 480, segundo o informe do Consello Xeral de Colexios Médicos de España. Tamén é a terceira comunidade con peor cociente de enfermeiros/as por paciente con 5,4 por cada 1000, cando a media española está non 5,9 e a europea preto do 8. Dende o PSdeG tamén se apunta a que “temos a peor cociente de profesionais por paciente tamén en áreas como a saúde mental, e estamos por debaixo da media estatal en matronas por habitante”. En pediatría, Galicia non chega ao 90% de prazas de atención primaria cubertas por pediatras, mentres comunidades en situacións parecidas, como Asturias, supera o 98 %, tal e como indican os informes da Asociación Española de Pediatría.
Os socialistas denuncian de que a pesar destas cifras, “Galicia deixou de formar 150 médicos de familia e comunitarios deixando sen solicitar a propósito prazas MIR. Logo da chegada de Pedro Sánchez ao Goberno central, foron concedidas a Galicia o maior número de prazas MIR da historia, tamén non específico de medicina de familia e pediatría”. Dende o Grupo Provincial tamén apuntan a atención primaria da que din “leva anos sendo obxecto de numerosas reclamacións e queixas, os centros de saúde aínda permanecen maioritariamente pechados á atención presencial e a atención telefónica pretende cubrir a asistencia sanitaria maioritaria”.
A situación para o PSdeG-PSOE de Ourense “faise insostible” e culpan o Sergas de aplicar “dende hai anos” unha política de “servizos mínimos” continuados nos centros de atención primaria da provincia de Ourense, nos que traballadores e veciñanza “padecen faltas de persoas e de servizos”. Tamén apuntan a que os centros de saúde do rural “cada vez teñen menor dotación médica,de enfermería e doutras especialidades moi necesarias no día a día”.
Os socialistas subliñan novamente, que esta situación sanitaria provocou “o caos” durante a pandemia e apuntan a que trala primeira onda provocada pola COVID-19, as medidas sanitarias e sociais implantadas están recibindo “un tímido apoio” por parte da Xunta de Galicia. Esta situación, segundo manifestan dende o Grupo Provincial do PSdeG “está a dificultar unha maior eficacia posible ante a nova onda, e o sistema sanitario público de Galicia está a afrontar en condicións limitadas este novo reto”.
O PSdeG-PSOE de Ourense tampouco esquece a “inconcreción” sobre o número de rastrexadores existentes no Sergas, sobre os que Alberto Núñez Feijóo afirmou que Galicia tiña “máis de 6000”, pero desde a Consellería de Sanidade aseguraron despois que “non podían dar un número exacto porque non hai contratados con esa figura para ningún profesional”. Esta situación, segundo apuntan os socialistas “está a provocar que Galicia sexa a comunidade autónoma que peores datos rexistra sobre o coñecemento da orixe dos contaxios, non identificando dous de cada tres orixes de infeccións”.