O PSdeG-PSOE de Ourense defende que a nova reforma laboral impulsada polo Goberno central moderniza as relacións laborais cun acordo “histórico” entre empresarios e traballadores, co que se recupera o que nunca debeu perderse no ano 2012. Os socialistas apuntan a que este Real Decreto Ley “é un éxito do país, que busca apostar polo emprego de calidade e deixar atrás décadas de precariedade, fomentado polo modelo do PP, baseado na degradación salarial”. Apuntan que da man dos socialistas “avánzase e crécese, fronte a un modelo, o do Partido Popular, no que tan só se retrocede”.
Nunha rolda de prensa celebrada esta mañá na sede dos socialistas ourensáns, os representantes do PSdeG-PSOE de Ourense en Madrid: Adolfo Pérez Abellás, Uxía Tizón e Miguel Bautista destacaron que a nova reforma laboral é unha aposta do Goberno por unha recuperación “xusta”, na que se reduce a temporalidade, se reforza a creación de emprego de calidade e se ofrece seguridade xurídica as empresas. Aproveitaron para subliñar que se trata dunha reforma laboral que “por primeira vez conta con empresarios e traballadores, o que permitirá crear un marco legal propio do século XXI”.
O primeiro en tomar a palabra foi o deputado no Congreso, Adolfo Pérez Abellás, que fixo fincapé en quen apuntou que o Goberno encabezado por Pedro Sánchez “está amosando con feitos que se pode saír das crisis reforzando o patrimonio común que representa o estado de benestar e non recortándoo como ocorreu cos gobernos da dereita”. O representante socialista en Madrid tamén aproveitou para destacar que co PSOE “avanzamos en dereitos laborais e melloras salariais, con exemplaridade no manexo dos recursos públicos e con acordos de consenso”. En contraposición, manifestou que a postura do PP “é a dos recortes, o desmantelamento, a corrupción e as contrarreformas, que non fan máis que quebrar os consensos sociais e agrandar a exclusión”.
Pérez Abellás aproveitou a súa intervención para lembrar que este acordo “trátase dun éxito dun país que busca apostar polo emprego de calidade e deixar atrás décadas de precariedade” e apuntou que Goberno e axentes sociais “traballaron incansablemente con reunións diarias para modernizar o mercado laboral no noso país, algo imprescindible para afrontar o cambio de modelo produtivo”.
Pola súa banda, a deputada no Congreso, Uxía Tizón, fixo fincapé en que coa nova reforma laboral “preténdese reducir a precariedade e o alto desemprego, dous dos principais males do noso mercado de traballo”. Neste senso manifestou que unha das primeiras medidas será “a penalización da contratación de corta duración e incentivarase a contratación indefinida e o emprego estable”. A parlamentaria socialista tamén afirmou que coa reforma laboral “potenciase a contratación indefinida fronte a temporalidade e recupérase a negociación colectiva, situándoa no corazón do novo modelo de relacións laborais”.
Tizón sinalou que co novo marco laboral “recupérase a ultra actividade indefinida e impúlsanse a formación das persoas traballadoras, ofrecéndose dous tipos de contrato: formación en alternancia e contrato de obtención de práctica profesional”. A parlamentaria socialista tamén apuntou que “outro dos obxectivos perseguidos con esta reforma é pór freo aos despidos e protexer o tecido produtivo”.
O último en tomar a palabra foi o representante do PSdeG-PSOE de Ourense no Senado, Miguel Bautista, quen analizou polo miúdo as principais novidades da reforma laboral e como afectan á provincia de Ourense. Neste senso destacou que “poténciase a contratación indefinida, desaparecendo a figura do contrato por obra e servizo e existindo tan só un contrato de duración determinada” e apuntou como exemplo que en Ourense en decembro de 2021 “realizáronse 4.642 contratos temporais e 584 indefinidos, co que coa nova reforma será ao revés, potenciándose os indefinidos en detrimento dos temporais”.
Bautista Carballo aproveitou tamén para destacar que entre as novidades tamén se recollen a “contratación por circunstancias da produción, a contratación por substitución ou que na construción os contratos ordinarios serán indefinidos”. O senador socialista tamén pediu que “se apoie esta reforma, pois de non facelo, quedaremos coa que tiñamos do PP de 2012 e as súas lamentables consecuencias”.