O PSdeG-PSOE defenderá unha moción no pleno municipal de xullo para “encher Ourense de cor” a través dun proxecto global de intervención en espazos degradados mediante a utilización da arte urbana. Así, os socialistas proporán que o Concello ourensán se comprometa a prol da eliminación do feísmo urbanístico, contando para este fin co talento e a creatividade dos numerosos artistas locais, entre os que se atopan Mon Devane, Cristina de Padua, Dusem de Rem, Abraham Caride ou Dafer Planet, entre outros.
No texto da iniciativa, os socialistas poñen en valor o pulo que leva experimentado a arte urbana nos últimos tempos, cuxos promotores buscan “a rexeneración das cidades para deixar atrás o feismo urbanístico, tan característico e asentado na nosa comunidade, da man da arte e da cor, buscando atraer o turismo e dispoñer de museos ao aire libre, gratuítos e permanentes”.
Así o defendeu a concelleira Natalia González, quen salientou que “a arte urbana é un instrumento esencial para a rehabilitación e modernización da fachada das cidades” ao tempo lembrou que tamén constitúe “un recurso turístico ademais de urbanístico”.
Neste sentido, os socialistas destacan exemplos como o das Meninas de Canido, en Ferrol, un proxecto que supuxo unha intervención en espazos castigados polo feísmo e que, nun prazo de 13 anos, puxo Ferrol no mapa europeo da arte urbana; o Fenómenos do Rural de Oleiros, Cambre, Ordes e Carballo, baseado nas avoas do rural; o Vigo, Cidade de Cor, grazas ao cal se crearon máis de 50 grandes obras murais ao aire libre con poemas ou esceas costumistas; ou as Estrelas do Camiño, un proxecto de Estrella Galicia co ourensán Mon Devane.
“Ourense tivo e ten pequenos brotes e iniciativas que requiren do apoio institucional”, sinalou González. “Queremos pór Ourense á altura doutras urbes e localidades que son referentes a nivel de arte urbana”, explicou González ante o Espazo Lusquiños da Mocidade, cuxo mural exterior –asinado por Abraham Caride- foi o lugar escollido polos socialistas para presentar a iniciativa.
Pola súa banda, o voceiro municipal socialista, Rafa Villarino, reivindicou unha iniciativa que busca “embelecer Ourense”, ao tempo que sinalou a importancia de levar a cabo unha intervención planificada e a longo prazo fronte ás “actuacións improvisadas e illadas” do alcalde. “A arte urbana debe estar integrada nun proxecto de cidade onde os elementos de vangarda poidan contribuír a rexenerar áreas abandonadas, como esta na que estamos, o Espazo Lusquiños, un símbolo da mocidade que está pechado e degradándose”, lamentou o socialista.
Villarino fixo fincapé en que “os grafitis non son só unha expresión pictórica e artística, senón tamén cultural”, polo que cómpre poñelos en valor dentro dun plan de acción cultural que permita “devolverlle a Ourense a dignidade”.
Festival de Arte Urbana
Ademais, como parte desta iniciativa, os socialistas instarán ao goberno municipal a organizar un Festival de Arte Urbana con carácter anual que contribúa á promoción turística de Ourense e que pase a formar parte da axenda cultural da cidade. “Queremos pór Ourense no mapa da cultura urbana porque cremos que temos capacidade e talento local para converternos nun referente no futuro”, sinalan dende o grupo municipal socialista.