O Psoe delvoverá as políticas de igualdade liquidadas durante a década negra do goberno de Feijóo
Os socialistas salientan o “absoluto compromiso” de Gonzalo Caballero, quen creará unha Consellería de Igualdade e que terá unha “axenda feminista” da que “enorgullecerse”
O PSdeG-PSOE devolverá as políticas de igualdade ao día a día do Consello da Xunta, tras unha “década negra” de Feijóo como presidente no que foron liquidadas das prioridades do goberno de Galicia. Así o explicaron esta mañá candidatas ao Parlamento de Galicia pola provincia de Ourense, xunto a concelleiras e portavoces socialistas da provincia, nun acto ante a estatua da leiteira da capital na que salientaron o “absoluto compromiso” de Gonzalo Caballero e de todo o PSdeG, parar crear unha Consellería de Igualdade e ter unha “axenda feminista” da que “enorgullecerse”.
A secretaria de Igualdade do PSdeG-PSOE, Zaida Rodríguez, alertou de que tralo 12X “podémonos enfrontar a un pacto de Feijóo con Vox” que “provocaría un serio problema ás mulleres galegas” porque “derogarían a lexislación autonómica sobre violencia de xénero como fixeron en Andalucía”. Rodríguez advertiu que “o PP de Feijóo non é distinto do PP nacional e tampouco ten reparos en pactar coa ultradereita para manterse no poder e deixar así ás mulleres retiradas da vida social e política, cun retroceso claro en dereitos e na igualdade que non estamos dispostas a consentir”.
A número 1 ao Parlamento de Galicia por Ourense, Marina Ortega, destacou a posta en marcha dunha Consellería de Igualdade e dunha importante dotación de recursos “para que sexan efectivos os cambios tan necesarios” nas políticas de igualdade “para loitar contra a fenda salarial, o teito de cristal e calquera tipo de desigualdade ou barreira”. “Queremos que a carreira profesional dunha muller sexa polo mesmo camiño, coas mesmas pedras e oportunidades que a dun home”, dixo Ortega antes de comprometerse diante de todos os e as ourensáns a crear tamén “unha dirección xeral dependente da nova Consellería de Igualdade que dote de recursos aos centros municipais da muller, aos plans específicos, ás casas de acollida e ás mesas redondas”
Os e as socialistas comprométese a traballar para dar a todas as galegas “unha vida digna nunha sociedade máis igualitaria”. Para iso destacan propostas como a constitución da Consellería de Igualdade e un incremento dos orzamentos para este fin; o reforzo da rede de centros municipais de información á muller con máis recursos humanos e materiais; a creación dunha rede de vivendas de acollida estable para mulleres maltratadas ou a reclamación dun informe sobre a situación real da fenda salarial ao Consello Galego de Relacións Laborais.