O PSdeG-PSOE demanda á Xunta a descentralización en Ourense de consellerías ou órganos de primeiro nivel, para impulsar o reequilibrio territorial e frear o despoboamento. Concretamente, nunha iniciativa esixen “políticas activas de descentralización de actividades administrativas e infraestruturas públicas no marco de reto demográfico, coa finalidade de fixar poboación e impulsar a economía, instalando a sede de órganos da administración galega ou das entidades instrumentais do sector público autonómico”.
Así mesmo instan ao Goberno de España a “afondar nas políticas activas de descentralización de actividades administrativas e infraestruturas públicas, instalando en Ourense a sede de organismos da Administración Xeral do Estado ou das súas entidades adscritas ou dependentes, no marco de reto demográfico, coa finalidade de fixar poboación e impulsar a economía”.
O voceiro, Rafa Villarino, manifesta que desde o PSdeG-PSOE son “conscientes das necesidades que ten esta provincia” e “de acordo co reto demográfico” queren que a “descentralización pola que avoga o Estado, tamén suceda na Xunta” para “un lugar como Ourense que precisa discriminación positiva”. Ante isto reclaman “a todas as administracións que boten un cable traendo persoal e instalacións que mobilizan economicamente unha zona”.
Desde os terreos adquiridos polo executivo galego para a construción da nova sede central da Xunta en Ourense, deputados e deputadas provinciais reclamaron “accións concretas” porque “está comprobado que avanzar na descentralización contribúe a frear ou reverter tendencias poboacionais negativas e a xerar innovación, actividade económica e emprego”.
Así pois destacaron que a Consellería de Presidencia, Turismo e Deportes de Murcia está en Cartaxena e non na capital. A Consellería de Universidade, Innovación e Transformación Dixital de Navarra está en Sarriguren. Na Comunidade Valenciana o seu goberno ubicou en Alacante a Consellería de Innovación, Universidade, Ciencia e Sociedade Dixital. E nas Illas Canarias o seu estatuto determina unha capitalidade compartida entre As Palmas e Santa Cruz de Tenerife, así como alternancia das sedes da presidencia e a vicepresidencia.
Villarino tamén salientou que a Unión Europea practica con intensidade a descentralización: o Parlamento Europeo ten dobre sede en Bruxelas (Bélxica) e Estrasburgo (Francia); o Banco Central Europeo está en Alemaña; o Tribunal de Xustiza en Luxemburgo e as axencias europeas teñen sedes en Polonia, España, Italia, Portugal ou Dinamarca. Mesmamente Galicia conta cunha destas institucións: a Axencia Europea da Pesca en Vigo.
“Santiago é o exemplo da centralización e nuclearización de institucións da administración de Galicia nun único lugar”, resaltou Villarino –Compostela concentra mais do 80 % da estrutura– antes de esixir a Alberto Núñez Feijóo “antes de que marche” e “sendo como é de Ourense”, accións concretas en favor da súa provincia. “El máis que ninguén debería haber avogado durante este tempo polo mesmo que xa fixo o Estado, por exemplo, coa creación da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil”, insistiu.
O deputado, Diego Fernández, aseverou que a Xunta “ten que dar unha colaboración económica e tamén xestos claros” hacia a provincia cunha discriminación positiva, polo que tamén pediu crear unha “Consellería de Reto Demográfico” que se asente en Ourense. “Deben ser medidas eficaces, eficientes e realistas”, incidiu.
“Nin a Deputación Provincial nin a Xunta están a facer nada neste ámbito”, denunciou antes de sinalar “decisións condicionadas polas cores políticas dos gobernos locais”. “Imos pedir xustiza, pero tamén progreso para que todos xuntos e xuntas, dando exemplo as administracións públicas, axuden a que Ourense avance a través da capital e de comarcas como O Carballiño” que están “nunha situación xeográfica inmellorable” e cun papel “reforzado” trala chegada do tren alta velocidade a Galicia.
“Os e as ourensáns non podemos quedar á marxe deste debate público que xa está a producir en moitos lugares de España e a administración galega resístese a recoñecer medidas contra a realidade da regresión demográfica que sofren as áreas alleas ao Eixo Atlántico”, conclúen desde o PSdeG-PSOE ourensán.