O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia a actitude “ditatorial” do alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, no transcurso da sesión plenaria do Concello de , celebrada no día de hoxe, e que deu como consecuencia que o rexedor quedase só cos tres concelleiros de Democracia Ourensana, trala marcha do resto de forzas políticas ante os insultos, faltas de respecto e calumnias de Jácome. Os socialistas argumentan que “o vivido hoxe supera todos os límites, cun alcalde que dedicoulle ao voceiro do BNG todo tipo de insultos e descalificativos, algo que creemos que é inadmisible en democracia”.
Dende o Grupo Municipal Socialista afirman que no Concello de Ourense “estamos acostumados a plenos bochornosos, que nunca deberían ter lugar” e subliñan que o acontecido durante o debate da modificación puntual do PXOU de 1986, para o cambio do uso da parcela da antiga estación de autobuses, “amosa o carácter ditatorial dun alcalde que chamou as forzas do orde público para expulsar a unha persoa que só quería facer uso do seu dereito a réplica para non admitir todas as barbaridades que Jácome estaba soltando, nunha nova mostra da falta de educación da persoa que está ao fronte da alcaldía”.
Os socialistas afirman que Pérez Jácome “é unha persoa que non é exemplo, nin representa a Ourense”, motivo polo que lle piden ao Partido Popular, que o sustenta actualmente no poder, que “dea un paso adiante para apartar a esta persoa da cadeira da alcaldía e mude estes comportamentos xa”. Consideran que esta situación “chegou ao límite e ten que rematar xa”. Dende o PSdeG-PSOE de Ourense tamén queren amosar o “apoio pleno e absoluto ao voceiro do BNG, Luís Seara, e a todas as persoas que queren un Ourense limpo e sen faltas de respecto”.
Con respecto a suposta denuncia contra o voceiro nacionalista que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, fixo pública durante o pleno, os socialistas teñen “dúbidas” da orixe da mesma. “Se esta denuncia chega a mans de Jácome a través das dependencias municipais, estamos ante un caso moi serio, e se pola contra é algo outorgado polo propio denunciante habería que estudar as posibles consecuencias”.
Para o PSdeG-PSOE de Ourense esta actuación “fóra de lugar” obedece a unha “lóxica” e aos “escuros” intereses do rexedor, xa que tal e como apuntan “a intención de Jácome é que non saíra adiante a modificación do uso do chan para a construción da residencia de maiores do Pino”. Tal e como argumentan os socialistas, o alcalde “pretendía seguramente que os concelleiros do PSOE se ausentaran do pleno e non sacar adiante este punto da orde do día, cando o que queriamos todos os grupos é levar adiante esta infraestrutura tan necesaria para a veciñanza como para as persoas maiores e dependentes”.
O PSOE posibilita a construción da residencia de maiores do Pino
O PSdeG-PSOE de Ourense posibilita a construción da residencia de maiores do Pino, que executará a Fundación Amancio Ortega, despois de que a Xunta de Galicia escoitase as reivindicacións da veciñanza, que reclamaban unha zona verde e a construción dunha senda. Satisfeitas estas demandas veciñais, os socialistas votaron a favor do proxecto, desbloqueando a construción dunha infraestrutura “clave” e “necesaria” para a cidade. Os socialistas esgrimiron que “é o tempo dos acordos e non das diatribas”.
Durante a súa intervención, o voceiro do PSdeG-PSOE, Rafael Rodríguez Villarino, afirmou que os socialistas “fomos en todo momento da man da veciñanza”, apuntando que durante a presentación “a veciñanza amosábase leda de que tomaramos esta decisión, que ademais garante unha das súas reclamacións, que a parcela conte cunha zona verde”. Pese a todo o líder dos socialistas ourensáns afeoulle á Xunta de Galicia “non ter nas súas mans o proxecto ou o anteproxecto”, pero sinalou que “ao igual que os veciños e veciñas confiamos na palabra dada”.
Rodríguez Villarino aproveitou tamén para destacar que “todos puxemos o mellor de nós” e resaltou que “ninguén está en contra desta residencia, posto que é unha infraestrutura necesaria e que tamén se construirá no resto de grandes cidades galegas”. O edil socialista tamén aproveitou para lembrar que “a palabra dada á veciñanza ten que respectarse” e salientou que “os informes xurídicos son favorables, pero ben é certo que nas conclusións destaca a falta dun anteproxecto”. Por último, o voceiro socialista reafirmouse en que a decisión “tomámola pola veciñanza, xa que no seu momento pediron que nos interesásemos por se a parcela ía contar cunha zona verde e unha vez confirmada a mesma, pedíronnos que nos unísemos, polo que ten que quedar claro que nos representamos á veciñanza, a ninguén máis”.