O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia o “absoluto desprezo” do alcalde Jácome cara ao patrimonio arbóreo da cidade e urxe a posta en marcha do Consello Municipal de Medio Ambiente, así como a elaboración dun censo actualizado e detallado das árbores, en cumprimento dunha moción socialista aprobada polo pleno municipal hai máis de dous anos.
“O alcalde prometeu plantar 10.000 árbores na cidade, e non só non o fixo, senón que estamos a vivir a situación oposta, con arboricidios, exemplares enfermos ou podas indiscriminadas e a destempo”, lamentou o edil Wilson Jones, quen lembrou a caída dunha árbore senlleira no Xardín do Posío hai escasos días polo “mantemento inexistente” desta e outras especies.
“Xa no pleno do mes de agosto de 2020 reclamamos por parte do goberno local un rexistro real das árbores desta cidade”, salientou Jones, unha cuestión que permitiría contabilizar, entre outros aspectos, aqueles exemplares que teñen alcorque, para así poder facer “un seguimento exhaustivo e establecer medidas de control para evitar que enfermen”.
Dende o grupo socialista lembran que a recomendación da Organización Mundial da Saúde (OMS) en canto a número de árbores por cidadán establece que a ratio ideal é unha árbore por cada tres habitantes, un dato moi afastado da media ourensá, que segundo os datos da Concellaría de Medio Ambiente se situaría en arredor dunha árbore por cada 25 habitantes.
“Está claro que precisamos un Ourense máis verde e maior implicación dende o Concello coa política medioambiental da cidade, por iso é necesario constituír canto antes ese consello de expertos na materia e pór en marcha iniciativas que permitan protexer, preservar e aumentar o patrimonio arbóreo e os espazos verdes de Ourense”, conclúen.