Ourense Cidade

O Psoe denuncia o "despilfarro" de Jácome en escaleiras mecánicas "inviables"

Villarino denuncia que medio millón de euros xa “voou” das arcas municipais pola “febre das escaleiras mecánicas”, posto que o alcalde encargou a redacción dos proxectos a “técnicos alleos ao Concello”

Óscar Gómez

Ourense |

O Psoe denuncia o "despilfarro" de Jácome en escaleiras mecánicas "inviables" | onda cero

O PSdeG-PSOE no Concello de Ourense vén de denunciar o “despilfarro total” de cartos públicos que Jácome pretende destinar a escaleiras e rampas mecánicas para a cidade, ao tempo que solicita a “paralización inmediata” dun proxecto que carece de “informes de viabilidade” e que advirten, “podería hipotecar a cidade” de levarse a cabo.

Os socialistas denuncian esta situación despois de que o alcalde anunciara, a través das súas redes sociais, a súa intención de instalar rampas mecánicas na rúa Concordia, un proxecto “inviable e cun impacto visual tremendo” que ademais, “agocha outras irregularidades”, como anunciou a vicevoceira do grupo, Natalia González. “Trátase dun proxecto presupostado en tres millóns de euros que non se vai poder facer porque a rúa é de titularidade autonómica”, un aspecto do que a socialista descoñece “se o alcalde está ao tanto”.

Ademais, González explicou que o proxecto da rúa Concordia “incumpre a normativa de accesibilidade e afecta negativamente aos comerciantes”, ao tempo que sinalou que se leva a cabo “do lado esquerdo” para evitar a posible afectación na zona do Plan Especial de Rehabilitación do Casco Histórico de Ourense. “O que esconde esta actuación é que non hai informes nin de viabilidade nin dos custes de mantemento”, subliñou a socialista, que puntualizou que, se ben os socialistas non se opoñen á colocación de aparellos mecánicos “para favorecer a accesibilidade”, están en contra de “encher a cidade de mamotretos” sen contar con “estudos de viabilidade e mantemento”.

A socialista sinalou que esta actuación, englobada no proxecto ‘Ourense Vertical’, contemplaba nun inicio “sete novos elementos mecánicos”, mentres que as intervencións previstas polo alcalde neste momento “xa superan as dez”, e advertiu que, mentres que o custo da obra estaría preto dos “20 millóns de euros”, o seu mantemento anual superaría os “catro millóns”. É dicir, a obra custaría “unha quinta parte do remanente de tesouraría herdado por este goberno municipal”, que chegaba aos 100 millóns de euros, e o seu mantemento esgotaría a capacidade de investimento do Concello. E advertiu do perigo de que se chegue a “recortar a partida de protección social” dos veciños e veciñas de Ourense polo “capricho” de Jácome “de encher Ourense de escaleiras mecánicas” que “nun futuro poderían quedar abandonadas ou ser foco de vandalismo”.

[[H3:“Medio millón xa voou pola febre das escaleiras mecánicas”]]

Pola súa banda, o voceiro do grupo municipal socialista no Concello, Rafa Villarino, cualificou de “arrebato” o proxecto e lamentou que medio millón de euros xa “voou” das arcas públicas pola “febre das escaleiras mecánicas”. Neste sentido, o socialista puxo de manifesto que “pasada a ocorrencia dos rañaceos e das piscinas” Jácome “retoma o que é a febre das escaleiras mecánicas”, unhas escaleiras que “hipotecarían, se fora o caso, esta cidade”.

Villarino sinalou que Jácome recorreu á adxudicación deliberada da redacción dos proxectos a “técnicos alleos ao Concello” a sabendas de que en moitos casos son “inviables”, algo que os técnicos municipais se encargarían de sinalar. O socialista manifestou que, “ante esta situación”, o alcalde recorre a “contratos menores” que xa suman un importe aproximado de medio millón de euros e que “ninguén vai devolver ás arcas públicas”. A este respecto, Rafa Villarino fixo un chamamento á “seriedade” e a “deter a sangría de fondos públicos” de Jácome.