O concelleiro José Ángel Vázquez Barquero amosou o posicionamento respecto ao que o grupo municipal socialista considera como supostas irregularidades no expediente de modificación de crédito que o Goberno de Jácome pretende levar ao Pleno para a súa aprobación. “Trátase de posibles irregularidades que, ademais, veñen acompañadas pola ocultación de información relevante á oposición durante meses”, denunciou.
“Pode apreciarse no expediente como se firmou un convenio de colaboración entre o Concello de Ourense e unha entidade deportiva para desenvolver obras na cidade”, afirmou o edil. Nesta liña, engadiu que o PsdeG-PSOE entende que o acordo pode ser “un subterfuxio administrativo para renovar automáticamente as modificacións de crédito” sen necesidade de pasar pola oposición. “Secuestraríanse deste xeito competencias do Pleno municipal”, puntualizou.
De ser así, os e as socialistas sinalan que se estaría a falar dun “fraude de lei” e “unha situación anómala” que se debería corrixir canto antes. “Xa denunciamos a existencia deste tipo de prácticas durante o Goberno do PP que coartaban as competencias do Pleno. Pero hai unha importante diferencia entre aquela situación e esta. Naqueles intres os convenios dábanse coa Deputación provincial, mais hoxe atopámonos con que o acordo se firma cunha entidade deportiva que, en principio, nada ten que ver co desenvolvemento de obras municipais”, advertiu Barquero ante os medios de comunicación.
Así mesmo, continuou explicando que no expediente de modificación de crédito pode observarse como dita entidade deportiva é beneficiaria, a súa vez, dunha importante subvención por parte do Consello Municipal de Deportes (CMD). “Non existe ningún precedente deste tipo no que un club perciba unha subvención e, a súa vez, financie obras. Polo tanto consideramos oportuno solicitar toda a información necesaria para que o Goberno de Jácome aclare a situación e dea as explicacións pertinentes. En función da documentación que obteñamos, actuaremos en consecuencia”, incidiu o socialista.
Cuestionado polas facturas sen pagar do Concello de Ourense, o edil respondeu que a metodoloxía de Jácome para facer fronte ás débedas da Administración pública é a mesma que criticaba cando estaba na oposición. “Se analizamos o que aconteceu no derradeiro ano do mandato anterior podemos concluir que esta situación era previsible porque as facturas comezaron a acumularse e deste modo acádanse picos de deuda significativos”, lembrou.
“O que pretende o alcalde é que a oposición lle saia ao rescate e facer o que el mesmo criticaba antes”, rematou Barquero.