O PSdeG-PSOE de Ourense denuncia que o alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, adxudicou o programa de atención a persoas maiores, tanto telefonicamente como presencialmente, a dúas empresas relacionadas co ámbito da publicidade e a comunicación e que aparentemente non teñen ningunha vinculación cos servizos sociais. Os e as socialistas critican esta decisión e que se fragmente o contrato de asistencia en dous contratos menores, co único obxectivo de “dalos a dedo e sen que vaian a concurso público”. Os e as socialistas veñen de solicitar por rexistro ter acceso ao expediente e aos pregos dos contratos administrativo e técnico.
Dende o Grupo Municipal Socialista explican que se elixen a dúas empresas que teñen que ver coa rama da comunicación, a publicidade os seguros e os equipos electrónicos, pero sen experiencia acreditada na atención de maiores. No relativo ao contrato do servizo de acompañamento presencial, outorgase segundo un decreto do pasado 30 de decembro de 2022 a unha empresa por un importe total con IVE de 18.029 euros. No relativo ao contrato de acompañamento telefónico, foi outorgado por un importe con IVE de 18.148,79 euros.
A concelleira do PSdeG-PSOE de Ourense, Concha García Lozano, afirma que “non nos parece unha forma seria de proceder, xa que nos chama poderosamente a atención que non se aposte por empresas do sector”. A edil socialista considera que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, “actúa de forma precipitada e improvisada e co único obxectivo de facer algo do que prometeu en 2019, visto que as eleccións municipais xa se atopan a volta da esquina”. Neste senso tamén explica que “este era o programa estrela do alcalde, que foi anunciado en xullo de 2019 a bombo e platillo, pero do que non tivemos ningunha información ata que nos atopamos con este decreto”.
García Lozano explica que “levamos 3 anos preguntando en xuntas de área por este proxecto, pero só nos atopamos con escurantismo e falta de información”, xa que tal e como apunta “levan anos dándonos largas, falando de que se ía encargar Cruz Roja e de que había problemas cos pregos técnicos, ata que finalmente nos atopamos con esta adxudicación a dedo a dúas empresas sen relación directa co sector”. A concelleira socialista tamén pon de manifesto que “entendemos que se vai tratar dun programa de curta duración, xa que non se especifica o tempo do programa e se di que as empresas van cobrar unha vez finalizado o mesmo”.
Pola súa banda, o concelleiro do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, sinala que se trata “dunha banalización dun problema moi serio como é a soidade, nunha das provincia máis envellecidas e nunha cidade na que a lo menos 10.000 persoas viven soas”. O edil socialista apunta a que “cando se fai unha intervención deste tipo hai que traballar con persoal especializado, normalmente con equipos multidiciplinares, que leven a cabo intervencións comunitarias, polo que dubidamos moitísimo que estas liñas mestras estean contempladas con dúas empresas relacionadas coa propaganda”.
Villarino tamén critica que “despachar un problema tan serio, que afecta a tanta xente, desta maneira tan banal demostra que o único que quere Jácome e lavar a cara dicindo que fixo algo polos maiores”. Neste senso, o concelleiro socialista tamén pon de manifesto que “as persoas maiores agora mesmo están desprotexidas, non se conta con elas e case parece unha burla despachar o tema con dous contratos menores, polo que esiximos coñecer os programas e a cualificación das empresas”. Rodríguez Villarino tamén sinala que “avogamos por un enfoque integral, no que participe a universidade, no que se conte con persoas con cualificación e creemos que con estes contratos estase enganando a Ourense”.