O Psoe denuncia un "novo desmantelamento" no centro de saúde de Ribadavia
A concelleira, Noelia Rodríguez, sinala que Ribadavia “non pode permitirse máis recortes e desmantelamento”, nin tampouco “contar cun centro de saúde cheo de retallos”
O PSdeG-PSOE de Ribadavia ven de denunciar, unha vez máis, os recortes e desmantelamento sanitario levado a cabo polo goberno da Xunta encabezado por Alberto Núñez Feijóo no centro de saúde da vila. Os socialistas alertan de que o centro sanitario da capital do Avia perderá a finais de agosto a traballadora social e que Sanidade “non pretende” repoñer a praza, trala xubilación desta profesional sanitaria, xa que segundo afirman “temos información de que o código desta praza xa non aparece no concurso de traslados”, polo que subliñan que “se vai a amortizar a praza” e que “se cubrirá utilizando ao persoal comodín, que terá que cubrir as consultas en O Carballiño e Ribadavia”.
Recortes e desmantelamento que “non son novos” e obedecen a unha estratexia de Feijóo de asfixiar a sanidade pública na nosa provincia. O voceiro do grupo municipal socialista na vila, Ignacio Gómez, carga contra o alcalde o que acusa de ser “cómplice do PP e non dos veciños, permitindo que se pechen colexios, se retiren servizos e que só reacciona cando o PSOE ou o resto de grupos da oposición alertan sobre cuestións prioritarias para a cidadanía”. Gómez va máis aló e lembra que o rexedor de Ribadavia “non conseguiu nin un só euro nos orzamentos da Xunta”, o que segundo explica “amosa o pouco que serve ter un goberno amigo en Santiago”.
O voceiro do PSdeG-PSOE de Ribadavia tamén acusa o alcalde dos populares, César Fernández de “estar o servizo de Baltar para ser cómplice das súas falcatruadas e cacicadas, o que amosa que pouco lle importan os servizos que se van perdendo no concello” e reafírmase en que “só se move por interese electoral” afirmando que “parece mentira que non coñeza estes recortes e no caso de saber deles, sería indignante que non alzase a voz contra este desmantelamento na nosa vila”.
Pola súa banda, a concelleira socialista Noelia Rodríguez, que ocupou na última lexislatura a carteira de servizos sociais, afirma que “esta discriminación coa comarca do Ribeiro non é xusta” e recorda que “o centro de saúde de Ribadavia atente a 16.000 veciños e veciñas de toda a comarca. Rodríguez Travieso tamén bota a vista atrás para denunciar que o desmantelamento sanitario “ven de lonxe” e que xa no 2016 “anunciamos que a praza de psicólogo corría risco de desaparecer”, algo que tal e como indica “acabou sucedendo e o tempo deunos a razón, aínda que a xerencia do Sergas tratou de desmentilo, polo que levamos un ano se psicólogo no COF”.
Denuncias sanitarias que a concelleira socialista leva anos facendo en diferentes ramas sanitarias como a praza de pediatría “que reclamamos que se cubrira trala baixa por xubilación”, a demanda dun xinecólogo, matrona e odontólogo “que levan case un mes sen prestar servizo”. Noelia Rodríguez afirma que “Ribadavia non pode permitirse un centro de saúde con retallos” e indica que “practicamente cada mes desaparece un servizo, polo que non podemos permitir este atentado contra os servizos públicos no noso concello”.
A concelleira socialista finalizou culpando o líder do PP de Ribadavia de “ser o alcalde dos silencios cómplices de Feijóo e Baltar” e de “permitir esta agonía en Ribadavia, cun centro de saúde que está a morrer sen que mova tan sequera un dedo”.