Economía

O Psoe denuncia que Feijoo sigue "bloqueando" o desenvolvemento do polígono de Tamagos

O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, ofrece a súa colaboración para comezar a executar Tamagos e afirma que o Concello “está disposto a mercar 210.000 metros cadrados e urbanizalos”

Óscar Gómez

Ourense | 12.03.2021 08:10

O Psoe denuncia que Feijoo sigue "bloqueando" o desenvolvemento do polígono de Tamagos
O Psoe denuncia que Feijoo sigue "bloqueando" o desenvolvemento do polígono de Tamagos | onda cero

O PSdeG-PSOE de Ourense denunciou a situación de bloqueo que vive o polígono de Tamagos dende hai dez anos, por culpa da Xunta de Galicia e o seu presidente, Alberto Núñez Feijóo que lle negan o desenvolvemento de chan industrial a toda unha comarca. Os socialista lembran que o proxecto sectorial foi aprobado en 2011, pero a día de hoxe segue “totalmente paralizado”, motivo polo que lle reclaman ao ente autonómico que se proceda “con urxencia” o seu desenvolvemento.

O deputado autonómico e voceiro de economía do PSdeG, Juan Carlos Francisco, fixo fincapé en que “o concello de Verín e comarca Monterrei poderían ser o motor de desenvolvemento do sur da provincia de Ourense”, pero matizou que “non é así pola incapacidade da Xunta de Galicia de desenvolver proxectos industriais e executar chan industrial”. No caso do Polígono de Tamagos, o parlamentario dos socialistas ourensáns incídelle á Xunta en que “comece de xeito urxente a execución da primeira fase” e lémbralle que esta “xa se debería ter executado en 2011”.

Francisco fixo referencia que a “ausencia” de chan industrial no Polígono de Pazos, no que actualmente tan só quedan 3 parcelas, que “imposibilitan” a instalación de calquera empresa potencial, “fai inviable calquera proxecto empresarial en Verín por falta de chan industrial”. Ante a negativa da Xunta de impulsar o Polígono de Tamagos, “Feijóo obriga a esta comarca a non poder desenvolverse industrialmente, xa que non hai chan para que se poidan instalar novas empresas”, apuntou o parlamentario autonómico do PSdeG-PSOE de Ourense, antes de finalizar afirmando que en Galicia e en Ourense “a política industrial é inexistente con Feijóo ao fronte do goberno galego”.

Pola súa banda, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, explica que no día de onte o delegado da Xunta visitou o municipio, e rexedor explicoulle a súa proposta para “comezar a desenvolver” o polígono de Tamagos con “carácter de urxencia”, xa que segundo relatou “actualmente hai demanda de chan industrial por parte de varias empresas”. Seoane sinalou que “non podemos deixar pasar a oportunidade de que as nosas empresas poidan medrar e instalarse en novas naves” e fixo fincapé no plan de reestruturación e resiliencia do Goberno, “co que as empresas poden optar a fondos para renovar e mellorar as súas instalacións”.

O rexedor de Verín tamén resaltou que o polígono de Pazos só ten a día de hoxe “entre 7.000 e 8.000 metros de chan industrial, o que dificulta a instalación de empresas de calado” e puxo o foco “nos problemas de inundabilidade dos terreos para poder amplialo”. Gerardo Seoane deixa a súa man tendida para “colaborar” no desenvolvemento de Tamagos e afirma que na última reunión “quedou pendente de firma por parte da Xunta, un documento onde o Concello se comprometía a comprar unha parte do polígono 210.000 metros cadrados que urbanizariamos” e lembra que “quedou pendente delimitar no acordo quen se encargaría da conexión de servizos, xa que para nós é inviable”.

Precisamente, Juan Carlos Francisco, presentou no día de onte unha pregunta oral a conselleira de territorio, á que urxiu a retomar un proxecto estratéxico e fundamental para Verín e a comarca de Monterrei e hoxe convertido nun monte abandonado. Os socialistas aseguran que seguirán “loitando porque Verín poida facer fronte a demanda de chan industrial cun proxecto que leva comprometido 10 anos e do que parece que Feijóo nada quere saber”.