Ourense Cidade

O Psoe denuncia que a reforma do albergue canino incumple a lexislación vixente

Villarino denunciou a “falta de sensibilidade” do goberno local, que “non só abandona os animais, senón tamén as persoas”

Óscar Gómez

Ourense | 25.02.2021 08:49

O Psoe denuncia que a reforma do albergue canino incumple a lexislación vixente
O Psoe denuncia que a reforma do albergue canino incumple a lexislación vixente | onda cero

O PSdeG-PSOE vén de desvelar unha serie de informes que demostran que a reforma do albergue canino anunciada por Jácome incumpre a lexislación vixente en materia de protección e benestar animal, e que mesmo pon en perigo a continuidade da actividade veterinaria nas instalacións municipais.

Segundo os informes expedidos polo veterinario e a protectora, PROGAPE, aos que tivo acceso o grupo socialista, a reforma non contempla unha serie de melloras de obrigado cumprimento e non soluciona carencias consideradas fundamentais por ambas partes, como son a necesidade de ter auga potable e corrente, a reparación do chan, a falta de instrumentos para subministrar alimentos ou a deficiente eliminación de residuos, entre outros. “Cada un destes puntos vulnera a lexislación: tanto a Lei 1/1993, para a protección de animais domésticos e salvaxes en catividade como a Lei 4/2017 da Xunta, de protección e benestar dos animais de compañía”, explicou a concelleira Concha García. Ademais, a socialista detallou que o informe veterinario deixa a porta entreaberta á posibilidade de suspender as actividades veterinarias no albergue, posto que non se cumpren os requisitos hixiénico-sanitarios para o desenvolvemento desta actividade.

García sinalou que o informe da protectora coincide co do veterinario, engadindo a maiores que cómpre modificar o deseño das gaiolas e retirar os teitos de uralita. A este respecto, a concelleira lembrou que “cando o PP estaba no goberno gastaron case 50,000 euros en gaiolas e agora hai que cambialas” e censurou que non se contemplase na reforma a retirada da uralita, “prohibida na propia normativa de sanidade por ser canceríxena”.

A socialista tamén criticou a “hipocrisía” do actual alcalde, quen en 2018, estando na oposición, denunciaba “a bombo e platillo” un informe veterinario desfavorable a respecto do albergue canino “moi similar” ao que agora “agocha” como rexedor da cidade.

[[H3:Un microgoberno “insensible”]]

O voceiro do grupo municipal socialista cualificou os informes do veterinario e de PROGAPE de “lapidarios”, ao tempo que amosou a súa preocupación pola “falta de sensibilidade” do microgoberno de Jácome, que “non só abandona os animais, senón tamén as persoas”.

Así, o socialista denunciou que na Xunta de Área de Política Social mantida onte de xeito telemático, Armando Ojea manifestou a súa intención de convidar os xefes de servizo para responder ás preguntas dos concelleiros. “Queren facer recaer sobre eles unha responsabilidade política que non lles corresponde”, condenou Villarino.

“O persoal de servizos sociais neste Concello está saturado por insuficiente, porque non están as persoas que tiñan que estar traballando e porque se vai recorrer a un proceso de interinidade xa que non foron capaces nin de sacar unha oferta pública de emprego para crear postos de traballo estables nun servizo esencial”.

A este respecto, Villarino criticou que, mentres nos servizos esenciais non existen suficientes persoas, o alcalde “non ten reparo en meter un novo alto cargo en nómina no Concello”, en relación ao anuncio de Jácome sobre a incorporación dun novo director xeral de Servizos Xerais, Transparencia e Sistemas da Información.

“Ao temón está unha persoa politicamente morta, que se apoia nun partido como o PP para levar o barco de Ourense polo barranco, caendo no máis profundo das augas”, manifestou o voceiro socialista. “O Concello funcionaría infinitamente mellor se non estivera Jácome: é o peor que lle pode pasar a esta cidade, e o PP é o único responsable de soster esta situación”, concluíu.

Trampas mortais para cans

Así mesmo, os socialistas condenan a aparición, esta mesma semana, de máis trampas consistentes en cebos con alfinetes -potencialmente mortais para os animais- no parque canino de Salesianos e urxen ao Concello a “tomar cartas no asunto”. Así mesmo, desde o PSdeG-PSOE de Ourense amosan a súa preocupación pola repetición sistemática de episodios similares noutros barrios da cidade e piden que o microgoberno se involucre para solucionar esta situación “canto antes”.