Ourense Cidade

O Psoe denuncia o "total abandono" da cafetería do Xardín Xaponés

Os socialistas lembran que a cafetería leva pechada desde agosto de 2018, tras resolverse o seu desafiuzamento administrativo, despois dun longo procedemento que puxo fin á polémica xestión anterior

Óscar Gómez

Ourense | 11.03.2021 08:11

O Psoe denuncia o "total abandono" da cafetería do Xardín Xaponés
O Psoe denuncia o "total abandono" da cafetería do Xardín Xaponés | onda cero

O PSdeG-PSOE vén de denunciar a situación na que se atopan as instalacións municipais da cafetería do Xardín Xaponés, “abandonadas e vandalizadas” oito meses despois da súa “sospeitosa adxudicación”, e esixen que Jácome dea explicacións públicas dos motivos polos que a concesión vén de ser suspendida.

“Estamos na zona cero da destrución de Ourense”, dixo Rafa Villarino ante as instalacións municipais, sitas a carón do Parque de San Lázaro e do edificio da Subdelegación do Goberno, no centro da cidade. “Hai unha fiestra rota pola que poden entrar persoas, o chan está levantado, o teito a piques de caer e as paredes cheas de humidades”, lamentou Villarino.

Neste sentido, o voceiro municipal socialista asegurou que en pleno corazón da cidade, conflúen a “herdanza da familia Baltar” e o desleixo de Jácome, e preguntouse por que os anteriores administradores non se fixeron cargo dos danos ocasionados nas instalacións de titularidade municipal e de acondicionar debidamente o local. “O alcalde dixo que arranxaría a cafetería co diñeiro de todos os ourensáns e non sabemos canto vai custar esa reparación porque non temos información de ningún tipo por parte do Concello”, lamentou Villarino.

No mesmo sentido se pronunciou a concelleira Juana Ageitos, quen pediu que o alcalde saia dar explicacións públicas do que está a acontecer co Xardín Xaponés -pechado desde agosto de 2018- e facilite á oposición os informes correspondentes e o expediente da cafetería. “Queremos saber se o adxudicatario pediu algunha prórroga, se abonou o canon e os motivos polos que agora suspende esta sospeitosa concesión da que o alcalde se fartou de alardear”, solicitou Ageitos.

Os socialistas lembran que xa manifestaran a súa discrepancia cos pregos de licitación e futura viabilidade da cafetería cando, en xaneiro de 2020, o bipartito PP-DO anunciara a aprobación do expediente de xestión por un importe de 51.272,44 € (IVE incluído), correspondente a un alugueiro mensual de 4.272,70 € por un prazo de cinco anos improrrogables.

“Daquela xa advertimos que o prezo do canon era moi alto” denunciou a vicevoceira do grupo, Natalia González, quen ademais defendeu que “os socialistas vemos o Xardín Xaponés como un servizo público mentres que o alcalde-empresario Jácome o ve como un negocio”. Así, González pediu “pór luz” ante unha concesión administrativa que foi licitada “con moitas sombras”.