Os socialistas denuncian o que consideran unha “nova chapuza” e un capítulo máis do “desleixo e abandono” de Alberto Núñez Feijóo a terceira cidade de Galicia, na que o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, non é quen de reclamarlle ao organismo autonómico que solvente todas as deficiencias coa que foi entregada a obra de remodelación.
O proxecto da obra de remodelación que anunciou a Xunta de Galicia incluía a renovación da fachada principal e a fachada que da a Ponte Romada, quedando o conxunto cun aspecto renovado e moderno. Tamén se apuntaba a modernización da entrada principal e todas as comunicacións, ao tempo que se garantía a accesibilidade de persoas con discapacidade a toda instalación, ademais das xa coñecidas reformas do sóutano, ascensor, construción dunha nova planta de 550 metros cadrados, modernización de vestiarios e aseos e melloras nas dúas piscinas.
Os socialistas denuncian que a obra presenta carencias con respecto ao proxecto presentado no seu día e destacan a “ausencia de limpeza das pintadas da fachada principal e do anexo, cubrición de pedra sen rematar na zona da fachada lateral que da para a rúa Pardo de Cela, rebaixes de accesibilidade a medias ou a ausencia do letreiro frontal principal previsto no proxecto orixinal coa nomenclatura Os Remedios e cunha piscina que non cumpre as condicións idóneas para os usuarios”.
A concelleira do Grupo Municipal Socialista en Ourense, Natalia González, explicou que o PSdeG-PSOE de Ourense estaba “hoxe diante deste complexo deportivo no que a Xunta investiu preto de 2 millóns de euros para denunciar que se vai a abrir cunha serie de deficiencias que a obra foi recepcionada a sabéndoas de que estaba incompleta”. A concelleira socialista aposta por unha apertura “con todas as garantías posibles ao público” e sinala que é “unha irresponsabilidade por parte de Jácome, non reclamar á Xunta que se solvente os problemas nas obras antes do mércores” e apuntou a que o PSOE aposta por “adiar a apertura ata que a obra estea completamente rematada e correxidas as deficiencias”.
González Beneítez fixo fincapé na situación da piscina de 25 metros e que tal e como trasladaron algúns representantes sindicais e os concelleiros socialistas presentes no Consello Municipal de Deportes “ten graves carencias no sistema de refrixeración, que se atopa avariado e non foi arranxado nin substituído para un correcto funcionamento”. A concelleira do Grupo Municipal Socialista tamén denuncia que “se abra o público a piscina que non está en condicións idóneas e ten graves problemas con cambios de temperatura no ambiente e na que os niveis de ph e cloro da auga non son óptimos”.
Pola súa banda, a deputada autonómica dos socialistas ourensáns, Carmen Rodríguez Dacosta subliñou que esta obra entregada sen rematar “é un novo desleixo e desprezo de Feijóo a Ourense” e apuntou a que se trata dun “capítulo máis”, tralo abandono do Ecobarrio da Ponte ou o atrincheiramento do centro de saúde deste mesmo barrio, levantando un muro durante as obras de construción da nova estación de autobuses.
Dacosta acusou a Núñez Feijóo de “estar mantendo a un alcalde que é incapaz de pedirlle a Xunta que entregue a obra como ten que ser” e culpou tamén a Jácome de “ter a cidade totalmente abandonada”. A parlamentaria socialista anunciou que levarán iniciativas ao Parlamento de Galicia porque “non podemos permitir que se deixe o complexo deportivo máis importante da terceira cidade de Galicia sen rematar”.
O voceiro municipal Rafael Rodríguez Villarino comezou afirmando que Ourense “ten quen a defenda, pero o non o seu alcalde” e destacou que os socialistas “pediremos no Parlamento de Galicia a acta de fin de obra, onde se dea clara testemuña de porque se recibe unha obra que está inacabada, con carencias de accesibilidade, que era a súa principal vantaxe no proxecto de remodelación”. O secretario provincial tamén expresou que o PSOE “non vai permitir que isto siga asía e denunciará en tódalas instancias que hai obras que se están levando a cabo que esta cidade non se merece”. “Non pode haber instalacións inacabadas, zonas de accesibilidade que non funcionan e en definitiva este desleixo”, apuntou Villarino.
O líder dos socialistas ourensáns tamén fixo fincapé en que “Ourense non merece esta situación” e preguntouse “que vai vir a dicir Feijóo e os seus o mércores a Ourense e como lle van a explicar a cidadanía que veñen a inaugurar unhas instalacións inacabadas?”. Rodríguez Villarino tamén denunciou a actitude de Pérez Jácome o que acusou de “tomar todas as medidas entre tres, sen contar co resto de forzas políticas nin administracións públicas”.