A candidata socialista por Ourense ao Parlamento Europeo, Lorena Guerra Vigo, mantivo unha reunión de traballo coa deputada no Congreso, Marga Martín, e co senador, Rafa Villarino, para analizar polo miúdo os diferentes investimentos acadados pola provincia gracias aos fondos europeos. O plan de recuperación, transformación e resiliencia deixou na provincia máis de 380 millóns de euros en investimentos en diferentes materias.
A candidata, a deputada e o senador coinciden ao afirmar que estamos “ante un dos maiores logros da construción europea” e critican a postura do PP e de Alberto Núñez Feijóo, que rexeitaron co seu voto en contra este plan de recuperación. “Feijóo e o PP seguen instaurados no non polo non, co único obxectivo de boicotear os avances no territorio e a chegada de novos investimentos á provincia de Ourense”.
“A pesar do torpedeo da dereita e dos seus socios da ultradereita, estes fondos chegaron a Ourense”, destaca Guerra Vigo, antes de subliñar que “a irresponsabilidade do PP non foi quen de frear os avances impulsados polo PSOE dende o Goberno e dende Europa”. A candidata do PSdeG-PSOE de Ourense ao Parlamento Europeo destaca que “nós seguimos crendo nunha Europa Social, nun modelo que xera emprego e estabilidade e por iso temos claro que este 9 de xuño xogámonos moito”.
O plan de recuperación, transformación e resiliencia deixou na provincia “importantes” investimentos en materia de infraestruturas, onde destacan os 230 millóns de euros na mellora da conexión ferroviaria entre Ourense-Monforte-Lugo e a construción da plataforma de integración urbana, ademais dos 8,9 millóns para zonas de baixas emisións na cidade. Tamén cabe subliñar os importantes fondos acadados en materia de conectividade, deste xeito a provincia recibiu 23,5 millóns de euros para a extensión da banda ancha ou 10 millóns para o programa único 5G redes.