O PSdeG-PSOE denuncia a “perversa maquinación do PP” para “desterrar” a Rafa Villarino da vida política, social e laboral de Ourense, tras tombar a xustiza a denegación da súa compatibilidade profesional coa docencia universitaria. O secretario dos socialistas pediu á Deputación Provincial en xullo de 2020, a compatibilidade do seu cargo como deputado coa docencia universitaria no campus ourensá, pero o pleno denegou aquela solicitude “baixo a batuta e o capricho persoal de Baltar”, unha decisión declarada agora ilegal.
O secretario de organización, Juan Carlos Francisco, asegurou que estamos ante “unha persecución persoal e laboral do Partido Popular contra Rafa Villarino, por ser o único político de Ourense que lle planta cara a Baltar”, a quen situou como responsable directo dunha “manobra que só buscaba o desterro público” do líder dos socialistas. Esta sentenza do xulgado, segundo explicou, “acredita” que non existía ningunha razón técnica ou legal para denegar a compatibilidade, xa que tiña informes favorables de todos os técnicos e técnicas da institución.
Foi, polo tanto, unha decisión “totalmente arbitraria” baseada en “fobias” que, segundo manifestou o número dous do PSdeG-PSOE ourensán, agora “podería ter tamén outras consecuencias de tipo xudicial que estamos a valorar”, xa que foi una resolución manifestamente ilegal adoptada “a propósito” con “único fin de facer dano persoal”. “A sentenza amosa a manipulación absoluta na que está instalado Baltar”, advertiu Francisco tras denunciar a “concepción antidemocrática do PP” ante vontade da cidadanía expresada nas urnas. “Defendemos ao noso portavoz, unha persoa honorable, traballadora, na que todos e todas confiamos para que lidere un proxecto que é a única alternativa fronte ao caciquismo”, concluíu.
Pola súa banda, Rafa Villarino, dixo que “Ourense debe decidir entre baltarismo ou democracia”, unha decisión que xa tomou nas últimas eleccións locais, o que “deu lugar a uns resultados históricos nos que perdeu a maioría na Deputación Provincial, logrando tamén a maior caída da historia do PP na cidade”. “Estes resultados deron lugar a algo paradoxal: o Partido Baltarista máis debilitado da historia é o que se está a soster na Deputación e no Concello”, salientou.
“Ourense ten memoria e debe recordar todo isto para dicir basta xa de abusos, intentos de desterro ou de acosos xudiciais que non fructifican”, lembrou Villarino tras aseverar que “todas as manobras do PP e de Baltar acaban de quedar evidenciadas” coa decisión da xustiza. “Nesta provincia hai unha democracia aparente”, denunciou o líder socialista para remachar insistiendo en que o PSOE “é o único garante do cambio nesta provincia”.