O PSdeG-PSOE elevará ante o Tribunal de Contas a trama irregular de contratos masivos a dedo, que Manuel Baltar mantén na Deputación de Ourense e que tamén aplica ao reparto de subvencións de forma absolutamente discrecional. Os socialistas queren que o supremo órgano fiscalizador das contas e da xestión económica do Estado e do sector público español poña “negro sobre branco” ante un “desmán” contable, económico e democrático “que non acontece en ningunha outra administración” de España.
“parece necesario que o Tribunal de Contas entre nesta cuestión”
O senador e presidente do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, asegurou que “parece necesario que o Tribunal de Contas entre nesta cuestión” para que “se produza unha fiscalización integral de todas as contas da Deputación de Ourense dos anos 2019 e 2020” pola “anomalía que xa supoñen as contas de 2018”. “A nós non nos sorprende o que di o informe demoledor do Consello de Contas, pero calquera de fóra que lea esas conclusións quedará, primeiro perplexo, despois sorprendido e, en terceiro lugar, extremadamente preocupado pola gravidade do que constatan”, dixo.
Este carrusel de irregularidades será tratado proximamente na Comisión Mixta Congreso-Senado para as relacións co Tribunal de Contas, porque, advertiu, “esta concesión de subvencións nominativas e a contratación a dedo son insólitas no panorama administrativo español”. “Cando a Deputación de Ourense adxudica algo por concurso ou concede subvencións por concorrencia competitiva é porque se equivoca”, ironizou Leicega logo resaltar que “o método Baltar é dar subvencións só aos amigos”. “Na democracia española isto é unha anomalía moi notable que merece unha seria reflexión”, advertiu.
O deputado e secretario de organización dos socialistas ourensáns, Juan Carlos Francisco, definiu as contas desta institución como “unha aparencia de contabilidade” que o Consello de Contas xa evidenciou cun “informe demoledor” sobre o “nepotismo, clientelismo, enchufismo e dedocracia” na provincia. “A Deputación de Ourense segue a ser un instrumento político a favor dos intereses do PP”, denunciou antes de sinalar que a forma de gobernar de Baltar “non pasa nin o algodón ni o filtro mínimo” do Consello de Contas, polo que, anunciou, van trasladar estes graves feitos tamén ao Parlamento de Galicia.
Así pois, o grupo parlamentario socialista interpelará ao Goberno galego —que ata o de agora gardou un vergoñento silencio ao respecto—sobre a súa valoración ao respecto das “demoledoras conclusións” de Contas. “Queremos saber a opinión do señor Feijóo ao respecto” posto que, “a pesar de que é un opinador profesional que opina de lo divino y lo humano, aínda non lle oímos nin un segundo adicado a este tema”, resaltou Francisco.
Igualmente, o PSdeG preguntará se a Xunta “vai adoptar medidas” para “velar” porque os recursos públicos da Deputación de Ourense sexan distribuídos “con criterios obxectivos, transparentes e democráticos”, e se considera o executivo de Alberto Núñez Feijóo que esta institución debe establecer un “plan único de cooperación cos concellos”, para acabar cos repartos discrecionais a dedo, xa que o financiamento das deputacións atende principalmente a transferencias das administracións do Estado e da comunidade autónoma.
Pola súa banda, o secretario provincial, Rafa Villarino, agradeceu a presentación destas iniciativas “alén de Ourense” porque “ten que ser alguén de fóra quen amose a realidade do que está a acontecer nesta provincia que é insólito no panorama galego e nacional”.
O líder socialista explicou que “non vai cambiar a filosofía” nos anos que aínda non foros fiscalizados porque, segundo os datos recabados polo PSdeG-PSOE, “Baltar mantén a mesma tendencia en 2019, concentrando contratos a dedo en só cinco empresas” e “repartindo subvencións nominativas como norma”. Tamén destacou que o aforro ocasionado por estes contratos a dedo “foi practicamente nulo” —en 2019 cero euros e en 2020 as baixas acadaron os 2 céntimos de euro—, a diferenza do que sucedería se estas decenas de millóns de euros foran repartidas mediante procedementos transparentes e de concorrencia.
“Estamos en cifras inasumibles”, advertiu Villarino antes de concluír amosando as súas esperanzas de que “esta situación absolutamente anormal cambie” nas próximas eleccións “por hixiene democrática, por progreso, ética nas institucións e para lograr unha redistribución obxectiva dos recursos públicos”, para que “esta provincia despegue”.