O PSdeG-PSOE de Ourense esixe a Manuel Baltar reverter o desmantelamento das brigadas de vías e obras da deputación, que realizaban unha labor fundamental en moitos concellos con escasos recursos económicos e humanos, así como regular o seu funcionamento dunha forma obxectiva. Os e as socialistas reclamaron hoxe desde O Pinto, no municipio ourensán de Esgos, un “cambio inmediato” nesta “estratexia de demolición controlada” do presidente dun servizo público “clave para a meirante parte dos concellos ourensáns”, que “incluso ten molestos a moitos gobernos locais do PP”.
Nunha iniciativa que se debaterá no pleno deste venres, reclaman concretamente poñer fin ao desmantelamento das brigadas de vías e obras da institución e a dotalas de novo de recursos económicos, materiais e humanos dabondo, co fin de recuperar o servizo óptimo e de calidade que prestaban aos municipios. Igualmente piden incrementar substancialmente os fondos públicos destinados ás estradas nos ámbitos da conservación e reparación, así como para obras de nova execución, co fin de mellorar a preocupante situación da rede provincial e municipal e para equiparar o investimento desta institución ao do resto de deputacións.
O grupo socialista tamén reclama ao goberno provincial un novo regulamento, incluíndo aportacións de todos os grupos políticos, que detalle o funcionamento das brigadas de vías e obras da institución, en todo caso, baixo criterios técnicos baseados nos principios de equidade, obxectividade, transparencia, asignación eficiente dos recursos, eficacia, control da xestión e avaliación dos resultados, así como pola prestación dun servizo xusto a toda a veciñanza.
O vicevoceiro, Nacho Gómez, asegurou hoxe desde o Pinto que estas brigadas “están prácticamente desmanteladas” porque a Manuel Baltar “lle interesa máis outorgar estas obras a empresas privadas” en lugar de usar este “recurso público que é fundamental para moitos concellos”. “O PSOE defende que os servizos públicos sempre son máis eficientes, xustos e beneficiosos para a veciñanza e para as administracións que os servizos prestados mediante concesión a empresas privadas”, insistiu Gómez antes de defender que “é imprescindible dotar novamente de recursos a estas brigadas”, poñendo fin aos recortes, rebaixas e limitacións introducidas polo goberno provincial nos últimos anos.
“Manuel Baltar ten un único fin: deixalas escuálidas para acabar privatizando o servizo” denuncian desde o grupo provincial do PSOE, tras recordar que, na actualidade, Baltar aproveita esas adxudicacións nas vías e obras a empresas privadas “en beneficio propio”, algo que non podería facer tan descaradamente coas obras en mans das brigadas públicas da Deputación.
Pola súa banda, o voceiro socialista no Concello de Esgos, Víctor Pérez, afirmou que Esgos “é a zona cero dos problemas desta provincial”, xa que neste concello “comezou todo” porque “é o lugar onde o clan Baltar comezou a facer das súas utilizando os recursos públicos como prebendas”. Para Pérez é clave “meter á xente na cabeza que os dereitos non son favores” e por iso non é preciso “perseguir a un alcalde ou a un presidente de deputación para lograr algo que é de todos e todas”.
Desde o PSdeG-PSOE recordan que a Deputación de Ourense é a única das institucións provinciais galegas que, teoricamente, conta con brigadas de vías e obras propias, formadas por traballadores e traballadoras de carácter público, mais atópanse nunha situación preocupante debido ás políticas de desmantelamento do goberno provincial dos servizos públicos, segundo denuncian os propios traballadores e traballadoras.
Os e as socialistas tamén resaltan que é “imprescindible” dotalas dun novo regulamento, así como crear un rexistro público de peticións e concesións. “Esta normativa debe establecer usos democráticos e imparciais que permitan ponderar as actuacións, así como normativizar o uso das brigadas en período electoral ou preelectoral”, aseveran antes de concluir recordando que “existe unha norma publicada no Boletín Oficial da Provincia en 1996, pero é tan laxa que, na realidade do día a día, a xestión ordinaria queda, na maioría dos casos, a expensas de decisións políticas unilaterais en beneficio de Baltar, a pesar de ser recursos pagados con diñeiro de todos e todas”