Sanidade

O Psoe esixe "medidas urxentes" para garantir unha sanidade digna na provicia de ourense

«É o momento de dicir basta porque a situación é de extrema gravidade», afirma o deputado socialista, Diego Fernández, quen fai un chamado para acudir á manifestación que o vindeiro domingo organiza a Plataforma pola Sanidade Pública de O Carballiño

Óscar Gómez

Ourense |

O Psoe esixe "medidas urxentes" para garantir unha sanidade digna na provicia de ourense
O Psoe esixe "medidas urxentes" para garantir unha sanidade digna na provicia de ourense | onda cero

Deputados e deputadas do Grupo Provincial Socialista encabezados polo seu voceiro, Álvaro Vila, anunciaron na vila do Carballiño a presentación dunha moción na Deputación de Ourense para esixir “unha sanidade pública suficiente e de calidade para toda veciñanza da nosa provincia, independemente do seu lugar de residencia”. “A situación na que se atopa a área sanitaria Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras é límite e non é sen tempo que a Xunta de Galicia adopte medidas urxentes para acabar con tantas e tantas eivas”, afirmou Vila ás portas do centro de saúde da vila do Orcellón. Segundo este, “malia as continuas promesas e anuncios grandilocuentes por parte do goberno autonómico do PP, de pequenos arranxos de circunstancias para tapar un burato aquí ou alá, entóxase insostible para a nosa provincia o déficit de facultativos e sanitarios que, ademais, están sometidos a unha inxente carga de traballo acompañada dunhas lamentables condicións laborais ”.

As “fallas graves” na atención primaria están a producir un incremento dos ingresos hospitalarios e das listas de agarda, exercendo asemade unha forte presión nas Urxencias de hospitais e Puntos de Atención Continuada. Unha situación de sobrecarga que se agrava nomeadamente cos picos das infeccións respiratorias, como ocorreu esta pasado Nadal. “Presentamos esta moción no Carballiño, onde é flagrante a falta de pediatras e outros especialistas, pero poderíamos presentala tamén en Xinzo de Limia, Verín, O Barco de Valdeorras, Beade, Punxín, Leiro, Lobios, Os Peares, A Mezquita, a Gudiña ou en tantos outros puntos da nosa provincia onde faltan facultativos, sanitarios, equipos de diagnose ou ambulancias medicalizadas, obrigando a veciñas e veciños a desprazarse a Ourense capital para ser atendidos nas Urxencias”, denunciou o socialista. “O problema é estrutural e por iso agardamos o apoio de todos os grupos na Deputación para esixir que a Xunta aborde dunha vez a cuestión con seriedade, ¡porque non caben máis parches sobre parches!”, concluíu Vila.

O Carballiño di «basta»

Sobre a particular casuística no Carballiño falou Diego Fernández, quen é segundo tenente de alcalde da Vila de Orcellón e deputado provincial. “Contar cuns servizos sanitarios públicos de calidade é unha demanda xeneralizada na provincia, pero no Carballiño é un clamor, xa que a situación non cesa de deteriorarse de xeito inquietante, instalándose desde hai tempo a precariedade na atención sanitaria”, sostivo Fernández. A sucesión de fitos xustifican o depauperamento da sanidade pública no Carballiño é longa: non se cobren as baixas sanitarias, non se abren servizos que son acaídos coa realidade social e demográfica da comarca, ás veces non hai médicos nas Urxencias, o servizo de pediatría é inexistente, hai problemas con xinecoloxía, non se conta con atención psicolóxica, nin con matrona estable, o continxente de ambulancias é moi xusto para a demanda da vila e da súa entorna, e mesmo hai que acudir ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense para facer unhas radiografías.

“Non pode ser que un pai veña coa súa filla ao Centro de Saúde e que non haxa pediatra, que non haxa atención nas nosas Urxencias ou que usuarios de calquera outra especialidade teñan que volver para as súas porque non hai quen os atenda”, denuncia Fernández. O deputado provincial aproveitou para facer un chamado a sumarse ás reivindicacións e acudir á manifestación que o vindeiro domingo, 14 de xaneiro, organiza a Plataforma pola Sanidade Pública de O Carballiño para reclamar un servizo de pediatría digno para a comarca. Para Fernández, “é o momento de dicir basta, de cambiar e que os responsables do PP tomen medidas porque a situación é de extrema gravidade, precisando dunha actuación contundente por parte da Xunta de Galicia para garantir o dereito á saúde de todas e todos”. “É dentro deste contexto que toma senso a nosa moción, solicitando do pleno da Deputación de Ourense o apoio unánime á nosa demanda, que denota o malestar da veciñanza”, sostén Fernández.