O PSdeG-PSOE esixe á Xunta que ubique en Ourense a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial, que reclama ao Goberno central para Galicia. “Os problemas demográficos da provincia e a inminente implantación no campus universitario ourensá do grao e o máster en Intelixencia Artificial, son dous factores determinantes que deixan claro que a nosa provincia é o lugar máis axeitado para esta axencia”, sinalan os e as socialistas antes de recordar que “está acreditado que as institucións públicas exercen un papel extremadamente beneficioso nas contornas nas que se sitúan”.
Logo da publicación do Real Decreto 209/2022, que establece o procedemento para a determinación das sedes físicas de entidades do sector público institucional estatal e que tamén crea a comisión consultiva para determinar estas sedes, unha norma xa en vigor que posibilita a desconcentración inmediata de organismos, os e as socialistas ourensáns consideran “imprescindible” que o goberno galego “aposte de inmediato e sen titubeos” pola provincia con “maiores problemas demográficos”.
“Ourense, que perdeu 136.000 habitantes no último medio século, precisa dunha discriminación positiva monumental”, insisten desde o PSdeG-PSOE. Por iso reclaman a todas as administracións públicas que “boten un cable traendo persoal e instalacións que dinamizan económica e demográficamente”. “A Xunta de Galicia non pode seguir a mirar cara outro lado ante esta crúa realidade”, afirman. Igualmente denuncian o “silencio atronador” do goberno local de Gonzalo Pérez Jácome e do PP ante este proceso descentralizador que supón unha oportunidade histórica: “non están a exercer o seu deber de defensa dos intereses de Ourense”.
“Os e as ourensáns non podemos quedar á marxe deste debate público que xa está a producir en moitos lugares de España e o Concello de Ourense resístese a recoñecer medidas neste sentido”, manifestan.
Os criterios para a elección destas sedes inclúen, entre outros, a “cohesión social e territorial”, a “mellora no funcionamento dos servizos públicos”, os “niveis de desemprego” ou a “loita contra o despoboamento”, polo que desde o PSOE consideran que “Ourense cumpre sobradamente con todos os requisitos” para acoller a sede desta axencia e doutros organismos. Así mesmo, agardan que o executivo presidido por Alberto Núñez Feijóo “evite situar este organismo en Santiago de Compostela ou calquera outra localización do eixo atlántico”.
“Reclamar a Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial para as provincias atlánticas suporía unha nova e vergoñenta marxinación do interior da comunidade”, debido á “desorbitante concentración de institucións e investimentos públicos nestas dúas provincias, especialmente na da Coruña”. “A Xunta debe apostar por reequilibrar a Galicia de dúas velocidades e non por acrecentar o esmagamento de Ourense e Lugo”, aseveran antes de concluír destacando que os gobernantes teñen que “potenciar o papel vertebrador das institucións no conxunto do territorio e non só nunha parte”.