A portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, esixiulle á Xunta que como mínimo volva contratar o tractor e a brigada a pé que viña despregando as tarefas de limpeza do Parque Natural Baixa Limia – Serra do Xurés durante os últimos anos. Dacosta acusou ao PP de negar incluso este “pírrico recurso” -que xa fora retirado o ano pasado-, ao rexeitar a proposta que levou hoxe ao Parlamento.
A responsable socialista reclámalle á Consellería do Medio Rural que “nos aforre o bochornoso espectáculo” da temporada pasada, na que os seis concellos que integran este parque natural nin sequera contaron con este continxente. Explica que ata o mes de xullo, e forzados pola presión e a vergonza que lles fixeron pasar os alcaldes e alcaldesas, aceptaron contratar recursos no mes de xullo, co que cada concello contou con apenas “tres ou catro días” de traballos de limpeza.
Denunciou que esta situación da conta do “desleixo e abandono” deste Parque Natural por parte do goberno galego, que dende o ano 2016 ten rexistrado 112 lumes, que fixeron arder 9.900 hectáreas dunha superficie total de 30.000 no Parque máis grande de Galicia. Ademais, tanto os danos provocados como a súa extinción supuxeron un gasto de máis de 13,3 millóns de euros “sen contar os lumes de setembro” do ano pasado.
Denunciou que o documento de uso e xestión do Parque aprobado pola Xunta en 2022 “carece de ambición e é un documento baleiro de contido”, que apenas prevé un investimento de 200.000 euros ao ano, apenas 7 euros por hectárea e ano, unha contía “indefendible”, especialmente en contraste co gasto de 13,3 millóns de euros que provocaron os lumes dende 2016.
Criticou que se trata dun programa “totalmente deficitario, inxusto e insolidario, que esquece totalmente ás persoas que viven e manteñen esta área protexida”, e que “non contempla nin un só Plan para o desenvolvemento socioeconómico do territorio e para a mellora da calidade de vida dos seus habitantes”.