“O Tinteiro mutilado e degradado, despois dunha intervención carente de criterio técnico e allea ás recomendacións do Servizo Municipal de Termalismo e ás demandas dos usuarios e usuarias. As termas da Chavasqueira totalmente inutilizadas tras sufrir un incendio en 2019 que arrasou as súas instalacións”, sinalou o edil do PSdeG en Ourense José Ángel Vázquez Barquero nunha rolda de prensa.
Con motivo da presentación da moción que o grupo municipal socialista levará sobre termalismo este venres, na sesión plenaria ordinaria do mes de marzo, esixirá tamén que a piscina de As Burgas continúa “mergullada nun proxecto de rehabilitación cuxa execución non cumpre os prazos fixados contractualmente” que se anunciou cun tempo máximo de 5 meses e que leva, xusto agora, 4 anos pechada.
“Un estado ruinoso que non é froito do azar, do infortunio ou dunha maldición bíblica, senón do desleixo, a inacción, a falta de planificación e a ausencia de interese amosadas polo grupo de goberno de Democracia Orensana”, deixou patente ante os medios de comunicación antes de enumerar as propostas da iniciativa que defenderá no pleno.
Entre os acordos, para os que esperan acadar o apoio do resto da oposición, está o de instar ao goberno municipal a que, de forma cooperativa con outras administracións públicas, se busquen solucións ao estado de precariedade e á falta de operatividade que sofren as nosas instalacións termais. Tamén reclamarán ao Concello de Ourense que solicite a súa inclusión na Mesa Termal provincial.
Por último, reclamarán ao executivo local que inicie os trámites ante a Xunta de Galicia, e outras administracións, para crear un consorcio interinstitucional que impulse o proxecto ‘Ourense capital termal de Galicia’. Este último punto xa se incluía nunha moción do grupo municipal socialista que se aprobou no mes de setembro e que esixía a recuperación dos espazos lúdicos termais e cuxa idea aparece recollida xa no Plan Estratéxico Termal que se aprobou por unanimidade da corporación no ano 2007.
“O que pedimos require moi pouco esforzo e vontade política. Entendemos que a colaboración debe ser continua entre as diferentes administracións para que o termalismo saia da situación na que se atopa, co alcalde da cidade á cabeza do seu impulso, que para iso está e para iso cobra”, rematou taxante o edil socialista.