Termalismo

O Psoe incide na necesidade de darlle un impulso o termalismo da cidade

O concelleiro J. A. Vázquez Barquero lembrou que a idea do consorcio interinstitucional aparece xa no Plan Estratéxico Termal que se aprobou por unanimidade da corporación no 2007, cando gobernaban os populares.

Óscar Gómez

Ourense | 06.09.2023 09:36

O Psoe incide na necesidade de darlle un impulso o termalismo da cidade
O Psoe incide na necesidade de darlle un impulso o termalismo da cidade | onda cero

O Psoe insiste na necesidade da creación dun consorcio interinstitucional termal no que estean representandas as administracións locais, autonómicas e estatais, así como as diferentes entidades sociais, tal e como defenderon no Pleno ordinario de setembro. O concelleiro José Ángel Vázquez Barquero lamentou a posición, do PP e de Jácome, ao respecto da iniciativa presentada para dar pulo a un dos maiores diferenciadores da provincia.

“Non é de recibo que o Partido Popular afirme que a moción é un intento para crear outro ‘chiringuito’ dos cales, todo sexa dito, o maior experto é o PP. Por iso consideramos que non está de máis lembrarlles que a idea do consorcio aparece recollida xa no Plan Estratéxico Termal que se aprobou por unanimidade pola corporación do Concello no ano 2007. Neste proxecto foi, ademais, líder o Partido Popular nunha época na que tiñan mayoría absoluta”, destacou o edil en rolda de prensa.

a Xunta de Galicia actuou mal, tanto por acción como por omisión

Así mesmo, Barquero defendeu a posición do PSdeG-PSOE da cidade que considera imprescindible que o termalismo estea no centro para solventar os intereses particulares nos que as diversas administracións poidan caer. “Cada un dos operadores actuou en chave individual e de xeito descoordinado. O que está claro é que este modelo colapsou e non podemos continuar na mesma dinámica”, remarcou sobre a situación actual.

Un dos factores determinantes para a potenciación do termalismo reside na normativa vixente que, segundo afirmou a deputada socialista no Parlamento galego, Carmen Rodríguez Dacosta, pode impulsar ou frear o desenvolvemento do mesmo, segundo se atenda, ou non, aos intereses e características da cidade e as surxencias existentes. “Non debemos esquecernos de que a Xunta de Galicia actuou mal, tanto por acción como por omisión, con respecto a Ourense. A lei de aproveitamento lúdico das augas termais elaborouse de costas á principal cidade termal da nosa Comunidade e que ten o segundo maior caudal de Europa”, reivindicou ante os medios.

Nesta liña, expuxo que o PSdeG-PSOE xa votou, no momento da súa aprobación, en contra desta normativa do ano 2022 e que o PP de Alberto Núñez Feijóo só admitiu nove enmendas para corrixir deficiencias. “O conformismo do Goberno autonómico, nun área tan importante para nós, é tremendo. Cando preguntamos, o recente mes de maio, pola situación actual do termalismo en Ourense a resposta que recibimos foi que a culpa era de Jácome”, indicou Dacosta sobre o xeito de botar balóns fóra do executivo autonómico, emulando o comportamento do executivo municipal.

No que se refire á lei, a deputada insistiu en que só hai dúas opcións posibles nas que os e as socialistas continuarán poñendo énfase: “Ou o regulamento se reelabora, subsanado as eivas que contén, ou se reforma a normativa para que poidamos ter un foco de turismo e desenvolvemento económico e social na nosa cidade”.

Pola súa banda, a concelleira e secretaria xeral do PSdeG-PSOE en Ourense, Natalia González Benéitez, salientou que “é o momento dos compromisos, da cooperación e de poñer cartos enriba da mesa”. Subliñou, así as cousas, o imprescindible de potenciar un ben público e natural que pode non só ser un atractivo turístico, senón tamén mellorar a calidade de vida dos e das ourensás. “É necesario pedir á Xunta que reformule a lei de aproveitamentos termais para non hipotecar o futuro dos mesmos e poder optimizalos e adaptalos á nova realidade”, rematou.