Pensiones

O Psoe informa dunha subida do 5'2% das pensions dos retornados de Alemaña

A subida ten lugar logo de que as contías permanecesen conxeladas durante o 2021 polo impacto da Covid sobre a economía xermana, e supón o maior incremento nas pensións alemás dende o ano 1983.

Óscar Gómez

Ourense | 04.11.2021 11:32

O Psoe informa dunha subida do 5'2% das pensions dos retornados de Alemaña
O Psoe informa dunha subida do 5'2% das pensions dos retornados de Alemaña | onda cero

A Secretaría de Emigración do PSdeG-PSOE de Ourense informa de que o Goberno alemán vén de anunciar unha subida do 5,2 % nas pensións dos retornados de Alemaña a partir do 1 de xullo de 2022. Este incremento, que supón a maior subida nas pensións alemás dende o ano 1983, ten lugar logo de que as contías que perciben os pensionistas permanecesen conxeladas durante o ano 2021 a causa do impacto da Covid sobre a economía xermana.

“Durante as semanas pasadas, numerosos emigrantes retornados de Alemaña dirixíronse a min, estrañados de non recibir ningunha comunicación da Seguridade Social xermana sobre un incremento das súas pensións para partir do 1 de xullo, como é habitual”, explica o secretario de Emigración dos socialistas ourensáns, Luís Gulín.

Neste sentido, Gulín lembra a todos os retornados de Alemaña que o certificado que recibiron do organismo Deutsche Rentenversicherung durante o ano 2020 da súa actualización das pensións “é válido tamén para o ano 2021” e subliña que os pensionistas “deben conservar esa documentación do ano 2020 a efectos dunha posible reclamación da Axencia Tributaria española para o ano fiscal 2021”.

Ademais, o responsable de Emigración vén de contactar coa Seguridade social alemá para documentarse sobre a aplicación da chamada Grundrente, a pensión básica alemá, á que poden ter dereito os retornados, a maiores da súa pensión de xubilación e/ou viuvez, sempre que cumpran cos requisitos. “Durante o próximo semestre a Deutsche Rentenversicherung empezará a contactar de oficio cos beneficiarios residentes en Galicia, informándoos da posible contía a percibir a respecto da nova pensión básica, sempre con efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2021”.