O PSdeG-PSOE de Ourense demanda un plan de choque “urxente” para reformar, acondicionar e rescatar da “decadencia e o abandono total” a rede de parques públicos infantís da cidade. Os socialistas denuncian que o Concello non realiza labores de mantemento nin renovación do equipamento das zonas infantís de xogo dos barrios da cidade malia contar cunha auditoría e un informe da Concellaría de Medioambiente nos que se advirte do pésimo estado destes espazos públicos, así como da necesidade de facer reformas “urxentes e inaprazables”.
“Parécenos moi grave que o alcalde prefira priorizar o gasto en asesores ou escaleiras mecánicas en tempos nos que o xogo ao aire libre para os máis cativos é tan importante”, censuran os socialistas. Neste sentido, denuncian que un gran número das zonas de xogo e espazos de lecer da cidade teñen aparellos pendentes de reforma ou clausurados e esixen un plan de choque inmediato para pór fin a esta situación antes de que chegue o verán e estes espazos se enchan de nenas e nenos.
Dende o grupo municipal socialista consideran que o Concello “non pode seguir adiando a reforma global ou parcial das zonas de xogo”, e critican que Jácome ande a alardear de novos espazos de ocio cando nin sequera coida dos existentes. “De pouco vale anunciar novos parques a bombo e platillo, como fixo o alcalde en Vilar de Astrés ou Mariñamansa, se logo non inviste no seu necesario mantemento”, subliñan os socialistas.
Lembran que o alcalde se comprometeu cos veciños do barrio da Ponte a abordar a mellora dos seus parques ante o “alarmante” deterioro que presentan. Neste sentido, defenden que “só é necesaria vontade política” para a reforma integral necesaria no Parque do Peco ou no de Xesús Pousa; para acondicionar as instalacións de San Rosendo ou a Alameda da Ponte; así como para adaptar á normativa os parques das rúas San Froilán ou Ribeiriño, todas elas instalacións en estado “precario ou de abandono”, ás que cómpre sumar o parque de Santa Teresita, no barrio do Vinteún; ou o das Aventuras, no Couto.
“Á grave situación dos parques infantís hai que sumarlle a precariedade do contrato de conservación e mantemento das zonas verdes, paralizado e pendente de nova adxudicación”, engaden desde o grupo municipal socialista, “así como a ausencia dun estudo para a protección do patrimonio arbóreo da cidade”, conclúen.