Ourense Cidade

O Psoe insta o Concello de Ourense á elavoración dun plan contra a violencia de xénero

A concelleira Concha García alertou da realidade “desoladora” que reflicten as estatísticas sobre violencia contra as mulleres e salientou que os datos oficiais representan “a punta do iceberg do maltrato real”.

Óscar Gómez

Ourense | 01.02.2023 08:03

O Psoe insta o Concello de Ourense á elavoración dun plan contra a violencia de xénero
O Psoe insta o Concello de Ourense á elavoración dun plan contra a violencia de xénero | onda cero

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de presentar unha iniciativa plenaria a prol da elaboración, a aprobación e a posta en marcha do I Plan contra a Violencia de Xénero do Concello de Ourense, co obxectivo de reforzar o compromiso da administración local coa erradicación da violencia contra as mulleres e “dotar a cidade dunha estratexia de acción global contra a discriminación, a desigualdade e a violencia de xénero.

“A realidade que reflicten las estatísticas é desoladora”, lamentou a concelleira Concha García. “En Galicia, só nos nove primeiros meses do ano 2022 tramitáronse un total de 5.362 denuncias por violencia machista, recibindo os xulgados galegos 1.854 denuncias no terceiro trimestre deste ano, un dato que reflicte un aumento do 14,4 % sobre o mesmo período do ano anterior, e que marca a cifra récord da historia dende que se teñen datos a nivel galego”, especificou.

a violencia contra as mulleres non é un problema do ámbito privado

A edil tamén fixo referencia aos datos relativos á provincia de Ourense onde, segundo datos da Subdelegación de Goberno en relación ao sistema Viogén, hai 366 casos activos, dos cales 164 pertencen á cidade. A este respecto, García salientou que, aínda que estes datos poidan indicar que cada vez máis mulleres acoden en busca de axuda, confían nas institucións e denuncian a súa situación, cómpre lembrar que as estatísticas oficiais representan só “a punta do iceberg do maltrato real” posto que “aínda existen moitas mulleres que non se atreven a denunciar por diferentes motivos”.

“Temos moi claro que a violencia contra as mulleres non é un problema do ámbito privado, senón que se manifesta como o símbolo máis cruel das desigualdades nas relacións de poder dos homes sobre as mulleres, polo que é unha violencia estrutural, dirixida contra a muller polo simple feito de selo”, abundou a socialista.

Por todo isto, dende o grupo municipal socialista consideran “prioritario” dotar a acción contra a violencia de xénero en Ourense dun plan propio que aspire a complementar o recentemente aprobado IV Plan de Equidade de Xénero, un instrumento que ten como finalidade orientar as políticas locais dende a perspectiva feminista.

Liñas mestras do plan

Para a súa elaboración, dende o grupo socialista consideran imprescindible realizar unha diagnose que permita profundar no coñecemento da situación das mulleres que padecen violencia de xénero na cidade, coa finalidade de establecer un mapa de prioridades e pór en marcha programas e actuacións específicas, integrando as áreas de Igualdade, Xuventude, Seguridade, Benestar Social e Educación nunha mesa de coordinación e seguimento.

Entre as medidas das que debe estar composto este plan, sinalan que non poden faltar a formación de profesionais, a posta en marcha de campañas de sensibilización, a activación de servizos de asesoramento e axuda ás vítimas, ou o establecemento de medidas para mellorar a detección e denuncia da violencia de xénero, así como para previr a violencia de xénero no ámbito laboral e no educativo dende a administración local.

Así mesmo, na moción subliñan que debe ser un documento guiado por tres principios esenciais: a colaboración con todas aquelas institucións do ámbito xeográfico que traballan a favor da erradicación da violencia machista; a participación da sociedade civil e dos profesionais especializados na materia; e o consenso con todos os grupos políticos para acadar xuntos o mellor plan posible.