O PSdeG-PSOE defenderá unha iniciativa no vindeiro pleno municipal de marzo coa que insta ao Concello de Ourense a retirar a simboloxía e nomenclatura franquista que aínda subsiste na cidade, en cumprimento da Lei 20/2022, de 19 de outubro, de Memoria Democrática, que no seu capítulo IV recolle que serán considerados elementos contrarios á memoria democrática as “edificacións, construcións, escudos, insignias, placas e calquera outro elemento encostado a edificios públicos ou na vía pública” así como “as referencias en topónimos, no rueiro ou nas denominacións de centros públicos” que sirvan para exaltar a sublevación militar e a Ditadura.
“En decembro de 2007, tras un arduo proceso parlamentario, aprobouse a Lei de Memoria Histórica, pola que se recoñecen certos dereitos e se establecen medidas contra os que sufriron persecución e violencia na ditadura, nun goberno presidido por José Luís Rodríguez Zapatero”, lembrou Xosé Lois Carrión, secretario de Memoria Histórica da Comisión Executiva Municipal do PSdeG-PSOE de Ourense, quen puxo en valor que tamén fora un goberno socialista, o de Pedro Sánchez, o que impulsou a Lei de Memoria Democrática.
Neste sentido, Carrión asegurou que “o PSdeG-PSOE de Ourense entende que os principios nos que se apoia esta norma contribúen a fortalecer a democracia” posto que “amosan os esforzos das persoas que a defenderon na Segunda República, as penalidades e afrontas que padeceron durante a ditadura, e os renovados azos que deben guiarnos na actualidade para seguir a edificala día a día”. Na mesma liña, o edil socialista e defensor da moción, Rafa Villarino, salientou que “a democracia constrúese retirando os símbolos dunha sublevación militar que ocupou os lugares máis emblemáticos con aquelas sinais que o identificaban e o enxalzaban”.
Así as cousas, dende o grupo socialista insisten na necesidade de facer cumprir a lei e proceder a canto antes á supresión e retirada da simboloxía da Falanxe, en forma de inscricións realizadas en pedra na fachada de numerosos edificios do barrio de Covadonga, en cumprimento do acordo adoptado pola Xunta de Goberno de 10 de marzo de 2022.
Avogan tamén polo cambio de nome da rúa Alférez Provisional, un título que, como explicou Villarino, “é símbolo da sublevación militar”; e da praza Eugenio Montes, “unha das figuras que participou na creación teórica da Falanxe”, abundou o socialista. Solicitan ademais a colocación dunha placa explicativa da estatua do Anxo Caído de Francisco Asorey, no Parque de San Lázaro, unha imaxe que “enxalza os caídos do bando sublevado”, unha cuestión “antidemocrática” que require “un esforzo de pedagoxía”, defendeu o socialista.
O grupo socialista tamén defenderá a necesidade dun censo municipal de elementos contrarios á Lei de Memoria Democrática, que inclúa, por exemplo, “a gran placa da fachada da praza do Polvorín entre xugo e frechas e o emblema do sindicato vertical franquista, as placas con similar simboloxía nos barrios da Cuña e do Couto”, entre outros.
Por último, lembran que todos os puntos da moción poderían ser debatidos no seo da Comisión de Memoria, un órgano con competencias relativas ás intervencións de nomenclatura e simboloxía do enxalzamento da sublevación franquista cuxa creación foi aprobada en pleno e que o Concello de Ourense aínda non puxo en marcha.
Por último, lembran que o Concello de Ourense aínda non puxo en marcha o Consello Municipal de Memoria Histórica, un órgano con competencias en materia de nomenclatura e simboloxía cuxa creación foi aprobada polo pleno en novembro de 2018. “De existir ese foro, todas estas cuestións poderían caber dentro”, lamentan.