O grupo municipal socialista do Concello de Ourense instará, no vindeiro pleno ordinario de outubro, ao goberno local e aos grupos da oposición a que se recupere de xeito inmediato o exemplar de locomotora da Ponte. “A chegada do ferrocarril a Ourense, a mediados do século pasado, significou un antes e un despois para o progreso e a economía da cidade. E para este barrio ten un valor moi especial”, lembrou o concelleiro Paco Rodríguez diante da máquina de vapor.
Nesta liña, lamentou o deterioro no que se atopa unha das dúas únicas locomotoras da compañía MZOV (Medina-Zamora-Ourense-Vigo), modelo “Mastodonte”, que quedan no mundo. “É urxente poñer en marcha medidas para a rehabilitación dun símbolo emblemático” para a provincia e o país, explicou.
Dende o 27 de xullo de 1976 esta máquina de vapor fica instalada diante da estación logo de ser cedida á Administración local por RENFE para a súa exposición na vía pública en homenaxe aos ferroviarios en dito barrio.
O grupo municipal socialista considera “máis que xustificada a urxencia de realizar obras de reparación, mantemento e posta en valor do exemplar” por parte do Concello de Ourense ante o que “ameaza ser xa un estado de degradación irreversible”, tal e como recolle o texto da iniciativa rexistrada. Así o solicitaron, tamén, de xeito reiterado durante os dous mandatos anteriores dos alcaldes Jesús Vázquez (2015-2019) e Gonzalo Pérez Jácome (2019-2023), sen éxito ningún ata o día de hoxe. “Non é de recibo deixar perecer un símbolo histórico da importancia do ferrocarril na terceira cidade de Galicia”, destacan.
Pola súa banda, a edil e voceira dos e das socialistas subliñou que non se trata só de recuperala, senón de que todos os que se acheguen a ela poidan coñecer a súa historia e todo o que supuxo para Ourense “cunha sinalización” adecuada e un punto de información permanente.
No ano 2022, o goberno local sacaba a licitación o proxecto de rehabilitación da locomotora por un importe de 142.640 euros, cun prazo de execución de 4 meses, quedando deserto por falta de ofertas ao concurso, de maneira definitiva, o 2 de xaneiro do presente ano. “Inmediatamente despois, o propio executivo anunciaba que se volvería adxudicar a través dun procedemento negociado e que as obras non tardarían máis de 30 días en iniciarse, algo do que 9 meses despois nada se sabe”, rematou a tamén secretaria xeral do PSdeG en Ourense.