O PSdeG-PSOE de Ourense anuncia que defenderá unha iniciativa no pleno municipal deste venres para reclamar que o Concello de Ourense solicite urxentemente as axudas do programa de apoio ao patrimonio histórico con uso turístico do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para sufragar as obras de reforma da Praza de Abastos número 1 e da contorna do ‘rianxo’.
“Esta axuda de ata 3 millóns de euros representa unha nova oportunidade para garantir a execución desta obra e evitar o seu abandono, sen depender unicamente das arcas municipais”, subliñou a concelleira Juana Ageitos, quen lembrou que a praza se atopa nun “estado de excepcionalidade” debido ao desleixo dos últimos oito anos, “sendo Jácome o responsable último e directo da gravísima perda da axuda de 3,5 millóns do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, ao incumprir a obriga de xustificar a subvención do Estado en tempo e forma”.
No texto da moción, as e os socialistas subliñan que “cómpre falar de solucións ou alternativas urxentes, factibles e de futuro para o desbloqueo inmediato destas obras que se atopan no corazón da cidade e que teñen que representar un dos eixos estratéxicos para o seu desenvolvemento urbano, comercial e turístico a curto e medio prazo”.
Ademais, salientan que, con esta axuda, “poderíase intervir na contorna do ‘rianxo’ e na planta baixa do mercado”, dúas actuacións que cualifican de “imprescindibles” para garantir o éxito deste “gran proxecto, o máis importante da nosa cidade nestes momentos”.
Concretamente, para optar a estas as axudas do Goberno central, cuxo prazo de execución abrangue ata o 31 de marzo de 2026, é necesario contar cun ben público de interese cultural que estea declarado como Ben de Interese Cultural (BIC) de uso turístico. Ademais, valorarase positivamente a existencia dun proxecto construtivo de calidade arquitectónica, formar parte do itinerario cultural europeo de cidades termais ou dispor de itinerarios histórico-artísticos que estean incluídos en conxuntos históricos, cuxa transcendencia fóra do ámbito local sexa recoñecida, como é o caso de Ourense.
“Nós cremos que este podería ser o mellor mercado de abastos de toda Galicia e dos mellores de España, á altura do circuíto comercial conformado por mercados tan excepcionais coma o de Santiago, Bilbao, Valencia, Madrid ou Barcelona” asegurou a edil Ageitos “Temos ata o ano 2026 para dispoñer dos fondos precisos para encher de vida esta praza, patrimonio de todas e todos os ourensáns, e parte imprescindible do comercio local da nosa cidade”, concluíu.