Ourense Cidade

O Psoe insta a Xunta a continuar con proxecto do ecobarrio da Ponte

Critican que o PP incumpra de xeito “flagrante” co acordado fai case 5 anos, cando venderon a “bombo e platillo” un proxecto no que apenas se executou un 4% dos 20 millóns prometidos.

Óscar Gómez

Ourense | 07.02.2023 08:04

O Psoe insta a Xunta a continuar con proxecto do ecobarrio da Ponte
O Psoe insta a Xunta a continuar con proxecto do ecobarrio da Ponte | onda cero

O PSdeG-PSOE de Ourense insta á Xunta de Galicia a “deixar atrás as mentiras” e a recuperar e a apostar de forma “decidida” polo proxecto do ecobarrio da Ponte. Os e as socialistas critican que o Partido Popular incumpra de xeito “flagrante” co acordado fai case 5 anos, cando venderon a “bombo e platillo” un proxecto no que a día de hoxe apenas se executou un 4% dos 20 millóns prometidos no seu momento por Feijóo, Baltar, Jesús Vázquez ou Arias Cañete.

Dende o PSOE ourensán esíxenlle ao PP que proceda á apertura “inmediata” e a posta en marcha da oficina do ecobarrio, sita no barrio da Ponte da cidade de Ourense. Unha oficina que tal e como afirman os e as socialistas “permanece totalmente pechada dende fai anos e a que ía ser a principal referencia para fomentar proxectos de sostibilidade e de coidado do medio ambiente no barrio da Ponte, nin está nin se lle espera por mor da desidia da Xunta de Galicia”.

A deputada do PSdeG-PSOE de Ourense no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, sinala que “estamos cansos das mentiras do Partido Popular e do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre o proxecto do ecobarrio” e apunta a que “non podemos tolerar máis escusas, nin que agora se escuden en se entran ou non entran fondos Next Generation para cubrir o proxecto”. Neste senso, lémbralles aos populares que este proxecto “foi prometido moitos anos antes de que se xerarán os fondos Next Generation e nada se fixo, máis aló de pequenos investimentos”.

Rodríguez Dacosta afirma que dende o PSdeG-PSOE de Ourense “non imos permitir máis mentiras sobre este proxecto” e subliña que “queremos que se aposte por esta cidade, polo ecobarrio, porque se volva a abrir a oficina de información e porque se realicen os investimentos axeitados e necesarios por parte da Xunta de Galicia para levar adiante o proxecto”. A parlamentaria socialista tamén insta ao PP “a cumprir a promesa de crear 300 postos de traballo e a converter o barrio da Ponte nun referente no uso da xeotermia”.

Os e as socialistas lembran que en marzo de 2018 o PP presentaba o proxecto do ecobarrio que contaría cun investimento de 20 millóns de euros, ademais da creación de 300 postos de traballo e anunciaban que en 202 xa estaría implantada e funcionando a oficina de información, pero tal e como afirman “5 anos despois nada se fixo e apenas se executaron 695.856 euros do prometido”. Neste senso, tamén apuntan a que “a única realidade levada a cabo polo goberno da Xunta foi a renovación dalgúns pasos de peóns e o cambio dun par de luminarias”.