O PSdeG-PSOE anuncia que levará ao vindeiro pleno municipal unha moción para instar á Xunta de Galicia a paralizar ou modificar o proxecto de construción da senda peonil de Reza. Os socialistas acusan ao goberno galego de actuar “de costas e en prexuízo” da veciñanza, despois de que a Consellaría de Infraestruturas publicase este luns unha disposición no DOG pola cal informa do inicio do procedemento de expropiación dos terreos para a construción da senda sen ter en consideración ningunha das alegacións realizadas polos afectados, que verán como a Xunta lles “come terreo” forzosamente a cambio dun “xustiprezo mínimo”.
Desde o grupo municipal socialista critican que a Xunta recupere agora o proxecto de construción da senda “pola porta de atrás”, despois de dous anos e medio “pechado nun caixón” pola presión social e política en contra da súa execución, e denuncian ademais que a actuación “reaparece en escena” con varias modificacións “sospeitosas”.
“Por unha banda, elimínase o termo ‘ciclista’, algo que era de esperar dado que aquí xa constaba un informe vial da Dirección Xeral de Tráfico no cal se advertía de que o proxecto aumentaba a perigosidade e o risco de sinistralidade da vía; pero sospeitosamente, a afectación da expropiación é maior”, abundou a vicevoceira do grupo socialista, Natalia González, nun encontro cos veciños e veciñas de Reza no que condenou que o goberno galego pretenda pagarlles un “xustiprezo mínimo” aos afectados.
“A asociación de veciños presentou unha batería de alegacións, entre elas a relativa ao prezo de expropiación, pero non obtiveron resposta por parte da concellaría de Infraestruturas”, lamentou González. Neste sentido, os socialistas alertan de que a partida contemplada pola Xunta para acometer esta acción -50.000 € para 45 afectados-non chegará nin para reacondicionar o terreo expropiado tralas obras. Así, reclámanlle á Xunta que convoque, de xeito urxente, unha reunión cos veciños e veciñas para explicarlles “como vai repercutir a construción do itinerario nas súas casas”.
Neste sentido, os socialistas lembran que xa en xuño de 2018 levaran ao pleno municipal unha iniciativa conxunta para paralizar o proxecto da senda de Reza que contara co apoio da maioría dos grupos políticos. “Daquelas advertiamos que o proxecto, solicitado polo alcalde Jesús Vázquez, presentaba varias eivas moi graves, e sobre todo non atendía a petición histórica da veciñanza de Reza, que non é outra que a continuidade das beirarrúas”, defendeu González.
Parque 25 de novembro
Dende o grupo municipal socialista consideran que a construción da senda peonil de Reza supón outro agravio para un municipio historicamente castigado. Así, lembran o “gravísimo abandono” que sofre o novo parque de Reza, coñecido como parque 25 de novembro, e anuncian que instarán ao goberno municipal á súa reforma integral e posta en valor.