Ourense Cidade

O Psoe levará ao parlamento a "chapuza" levada a cabo pola Xunta no centro de saúde da Ponte

Os socialistas denuncian unha nova “chapuza” da Consellaría de Infraestruturas que construíu un muro de bloques de formigón que “atrincheira” o centro de saúde no canto de insonorizalo

Óscar Gómez

Ourense |

O Psoe levará ao parlamento a "chapuza" levada a cabo pola Xunta no centro de saúde da Ponte | onda cero

O PSdeG-PSOE de Ourense levará ao Parlamento de Galicia a través dos deputados autonómicos Carmen Rodríguez Dacosta, Juan Carlos Francisco e Marina Ortega o que consideran unha “nova chapuza” levada a cabo pola Consellería de Infraestruturas e a súa titular Ethel Vázquez nas obras da estación de autobuses da intermodal de Ourense. Os socialistas critican a construción dun muro de dous metros feito con bloques de formigón e que “atrincheira” o centro de saúde de A Ponte que o Partido Popular decidiu afumar cunha estación de autobuses a carón deste servizo clave para este emblemático barrio ourensán.

As obras que está a levar a cabo a Xunta de Galicia na contorna da nova estación intermodal de Ourense xa foron obxecto de varias iniciativas no Parlamento de Galicia a instancias do grupo parlamentario do PSdeG. O grupo socialista preguntou a principios de novembro sobre o anuncio que a Consellería de Infraestruturas vendeu a “bombo e platillo” da construción dunha fonte ornamental por importe de 48.000 euros na futura estación de autobuses e a carón do centro de saúde. Os socialistas cuestionaban se ao goberno galego, lle parecía un gasto necesario na situación sanitaria e económica tan complicada na que se atopa o país. A devandita fonte que ía adornar a entrada do edificio, e proxectada, segundo a Consellería, para facer unha analoxía cun símbolo milenario como o das Burgas “semella desaparecer do proxecto”, segundo denuncian os socialistas.

Máis dun mes despois e ante a última “chapuza” de Ethel Vázquez, os socialistas critican que se pretenda “atrincherar o centro de saúde da Ponte en lugar de insonorizalo tal e como se comprometeu a Xunta”. “O proxecto orixinal non contemplaba un muro, senón unha barreira vexetal polo que non nos queda outra que sospeitar que ese muro se levanta coa intención de insonorizar o centro de saúde, co consecuente impacto visual e a desatención aos compromisos adquiridos por Ethel Vázquez de cara a insonorizar interiormente o edificio”, apuntan os parlamentarios socialistas por Ourense.

O PSdeG-PSOE de Ourense ven denunciando dende fai xa tempo que a Xunta de Galicia impón unha estación de autobuses prexudicial para Ourense, que ademais de obrigar aos veciños e veciñas a agardar á intemperie polo derribo exprés da antiga estación, sitúa un edificio polo que circularán uns 300 autobuses ao día ao carón dun centro de saúde no que agora constrúe un muro que encerre a veciñanza da terceira cidade de Galicia.

Por este motivo os socialistas preguntarán no Parlamento de Galicia sobre a valoración do goberno galego da construción deste muro de dous metros para insonorizar o centro de saúde en lugar de insonorizar interiormente o edificio. Tamén cuestionarán por que Infraestruturas non se adecúa ao proxecto da intermodal, que deseñaba unha barreira vexetal na contorna do centro de saúde da Ponte en lugar do muro de dous metros. Por último interpelan o Goberno galego a aclarar que vai a acontecer coa construción da fonte por valor de 48.000 euros e que ía a adornar a entrada do edificio do centro de saúde.