A dirección provincial do PSdeG-PSOE de Ourense vén de remitir a Ferraz unha comunicación urxente para que suspenda de militancia aos avalistas de Noela Blanco que insultaron gravemente ao presidente do goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, nas súas redes sociais. “Está claro que quen insulta ao presidente non ten cabida no partido”, subliñou o secretario de organización do PSdeG-PSOE ourensán, Juan Carlos Francisco, quen indicou que xa enviou a Madrid toda a documentación para requirir a súa expulsión do partido.
“Non é de recibo que estas persoas utilicen os seus perfís nas redes sociais para difundir infundios e ataques contra o presidente e distintos ministros do Goberno de España”, incidiu o secretario de Organización do PSdeG de Ourense, para quen estas persoas “non poden seguir como militantes socialistas”.
Así pois, coa vista posta nas votacións para elixir aos delegados e delegadas que participarán no congreso federal que ratificará a Pedro Sánchez como secretario xeral do PSOE, Juan Carlos Francisco requiriu que estas persoas non poidan participar no proceso. “Está fóra de toda dúbida que quen menoscaba a acción do goberno con insultos e descualificacións gravísimas non pode ter voz nin voto nos procesos congresuais do PSOE”, remarcou.
“O partido ten que tomar medidas, porque esta situación é inadmisible”, concluíu Juan Carlos Francisco, antes de poñer en valor a xestión do goberno de España nun contexto tan difícil como o da pandemia e a crise socioeconómica derivada dela.